domingo. 29.01.2023

O CDR participou no acto de resolución de Proxectos sociais 2022 da Fundación da Caixa en Santiago

Antonio R. Corbal, portavoz e membro da Xunta Directiva do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso presentou os servizos de Proximidade e a dinamización comunitaria que tratan de contribuír a que as persoas poidan seguir vivindo no seu medio, na súa casa
25-11-23-18.admin.WhatsApp_Image_2023-01-25_at_08.58.01
25-11-23-18.admin.WhatsApp_Image_2023-01-25_at_08.58.01

Este pasado martes, 24 de xaneiro de 2023 ás 10.15 h estabamos convocados no Auditorio Xosé Neira Vilas. Cidade da Cultura de Galicia, Edificio Biblioteca e Arquivo de Galicia. Monte Gaiás, Santiago de Compostela. Para a participación no Acto de resolución das convocatorias de proxectos sociais 2022 Galicia da Fundación La Caixa.
Alí estaban para recibirnos Joana Prats, directora de Área de Relacións con Entidades Sociais e Susan Santos, responsable Territorial en Galicia que nos deron precisas instrucións sobre o desenvolvemento planificado dun acto no que participariamos 4 entidades en representación das 69 presentes.
Durante a chegada das persoas participantes tivemos ocasión de atoparnos con moitas caras coñecidas e admiradas polo seu traballo no terceiro sector social de Galicia e ata o inicio do acto proxectáronse os nomes e proxectos das entidades.
Ás 11h como estaba programado comezou o acto ao que se sumaron na mesa Marta Albela, directora comercial de Rede Galicia de CaixaBank e Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión en quen delegou, ante a imposibilidade de participar como estaba previsto, Fabiola García, conselleira de Política Social e Xuventude.

Intervención de Antonio R.Corbal
Intervención de Antonio R.Corbal

Tras a presentación do acto e dos membros da mesa proxectouse un vídeo das Convocatorias 2022 e tivo lugar a intervención de Joana Prats, que ademais de explicarnos algúns cambios importantes nas próximas convocatorias e darnos os parabéns fixo un repaso pormenorizado con datos como que dos 254 proxectos presentados foron 69 os seleccionados (que estabamos presentes neste acto); que 2 de cada 3 proxectos abordan multi vulnerabilidades ou que os 31 da provincia de Coruña comparados cos 9 da de Ourense tamén é porque se ten en conta a poboación. Terminou reafirmando a vontade de facer, de facelo xuntos, de seguir traballando no importante labor que realiza o Terceiro Sector Social.


Marta Albela, directora comercial de Rede Galicia de CaixaBank fixo referencia ao persoal das oficinas, ás 700 persoas que traballan en CaixaBank e á nosa memoria viñeron as imaxes de Emilio, Mónica, José Luís… persoas sempre próximas e que nos axudaron a conseguir medios para o CDR.
A continuación foi a intervención das 4 organizacións seleccionadas (unha por provincia). Para presentar a entidade e vincular a súa acción cos obxectivos do proxecto, a súa relevancia e necesidade. Xabi Casal, responsable da área de Lecer e Tempo Libre da Fundación María José Jove presentounos o programa Esforza; Paula Polo, educadora social de Aliade Ultreia Asociación Luguesa de Información e Axuda ao Drogodependente presentou o programa Preparación para a liberdade; Juncal Blanco, responsable territorial Emaús Social presentou o programa Participa (Vigo) e Antonio R. Corbal, portavoz e membro da Xunta Directiva do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso presentou os servizos de Proximidade e a dinamización comunitaria que tratan de contribuír a que as persoas poidan seguir vivindo no seu medio, na súa casa.


Pechou o acto Arturo Parrado; realizamos unha fotografía de familia, para seguidamente dirixirse ao Café na Sala Eisenman, Edificio Centro de Emprendemento Creativo (CEM) no que nós non puidemos estar xa que ao terminar con máis de 40 min. de dilación xa programaramos co CDR Portas Abertas outro encontro con Antón Acevedo, Director Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria sobre a marcha do programa que estamos a executar de Biocuidados.


Xa en San Caetano con Antón Acevedo tivemos a oportunidade de contarlle o proceso do programa Biocuidados que en Galicia estamos a levar a cabo os CDR Portas Abertas e O Viso, membros de COCEDER que é a Confederación que a través dos CDR que a conforman tamén o están executando noutras comunidades autónomas. Démoslle documentación e convidámolo a vir aos nosos territorios para coñecer mellor o labor que se está realizando; tamén co propósito de implicar máis á administración autonómica e posibilitar a súa participación  que iniciou xa no momento da presentación do proxecto a Europa no que a Consellería de Política Social asinou un acordo de colaboración.