O CDR O Viso celebra o día Internacional das Persoas Maiores

Foto cedida CDR O Viso
O CDR O Viso celebra o día Internacional das Persoas Maiores
A soidade non desexada: “Non é un fracaso individual, senón un fracaso como sociedade"

Marcos Calvo, o referente estatal do proxecto Enrédate da Cruz Vermella, que combate o illamento nas persoas maiores atina plenamente ó sentenciar que a soidade -non desexada- non é un fracaso individual, senón un fracaso como sociedade. Dende o CDR O Viso enfocamos o traballo con esta perspectiva, a de sentir que facemos parte uns dos outros. E levamos anos traballando nesta teima; e sentímonos alentados polo traballo ben feito, polas ansias de mellora permanente, polo acompañamento doutras organizacións -dalgunhas formamos parte (Terra e Xente, COCEDER)-; así como cando coñecemos proxectos liderados por Concellos que tamén afrontan esta problemática: por exemplo o de Getafe (Madrid) con dispositivos instalados nalgúns fogares e que posibilitan sesións de terapia cunha psicóloga experta en maiores, ou o de Barcelona co proxecto Radars, un programa que conecta a voluntarios con persoas soas.
https://youtu.be/bScnTC_3iek
A Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría celebrou este ano o seu 32 Congreso en Pontevedra e entre outras temáticas abordou a do idadismo, a percepción centrada nos déficits, unha violación dos dereitos humanos das persoas maiores porque “imos perdendo dereitos... como se caducaran coa idade”.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) define o idadismo coma os prexuízos, estereotipos, actitudes negativas e, finalmente, a discriminación cara ás persoas por motivo da súa idade. E engade que o envellecemento non só aumenta o illamento social, senón tamén o estrés cardiovascular e isto ten uns efectos na saúde indiscutibles.
Por iso, neste día internacional das persoas maiores, queremos denunciar esta discriminación endémica (facémola todxs!!!) e cotiá. E manter o compromiso a promocionar o bo trato ás persoas de todas as idades, relacionarnos amablemente; a comprender e espallar que o envellecemento é unha etapa máis da vida, que non debe esconderse nin negarse, porque é absolutamente irreparable; a seguir fomentando accións e actividades interxeracionais; a seguir posibilitando a súa participación, o contar con elxs, non decidir polos demais na toma de decisións para calquera cuestión que teña que ver coas súas vidas.