sábado 22/1/22

No Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso" protexemos as nosas festas, neste caso o noso Nadal, amparamos o de sempre. Unha das máis fermosas expresións da cultura musical da Limia foron e son os Cantos de Reis, que aínda resoan nos corazóns de varias xeracións e que ansiamos manter con vida.  É por iso que volvemos  cantar os “Reis do Quiquiriquí, se non nos dan nada marchamos deiquí” e fixémolo sendo fieis ó noso repertorio limiao, co Patronciño  -recollido de varias mulleres de Laroá- e o Son Voltas -do gaiteiro de Laroá, Juan Ferreiro. Ademais aprendemos a Pita Pitaina coas Xingras da Arca da Noe, unha peza que recolleu a Marta Joga dunha veciña de Lamas: Jesualda Gándara, e que foi un verdadeiro éxito para as pequenas e pequenos cantores deste ano e que coñecían moitas das persoas que nolo escoitaron cantar.

13Comezamos o 26 de decembro cantándollos á xente de Vilar de Santos co convite, xa tradicional, da Arca da Noe; o día 3 de xaneiro fomos a Baronzás, o día 4 a Lodoselo e Boado e o día 5 rematamos en Laroá. Compartimos momentos ben bonitos coas veciñas e veciños, que sempre, ano tras ano, se emocionan por sentirnos cantar os reis. Aínda que a situación sociosanitaria nos impediu entrar nas casas, tomarlles o roscón e o chocolate, e tendo moita precaución de non xuntarnos moito, vivimos a emoción de manter vivo o noso Nadal, compartíndoo coa xente e transmitíndollo ás xeracións máis novas, que gozaron compartindo os aguinaldos que lles ían ofrecendo.
Temos a fortuna de ter una cultura aínda viva no maxín popular, neste caso un Nadal moi noso que non imos deixar esmorecer. Que vivan os reis e d´hoxe nun ano!