Charlas de prevención e defensa fronte os lumes forestais

Imaxe de arquivo dunha avioneta apagando lumes.
Charlas de prevención e defensa fronte os lumes forestais

Pretenden sensibilizar á poboación das parroquias para evitar a formación de incendios e concienciar á poboación para que denuncien calquera comportamento delituoso relacionado

A Consellería do Medio Rural continúa hoxe no concello coruñés de Lousame e nos ourensáns de Manzaneda e O Barco de Valdeorras, as xornadas divulgativas de prevención e defensa contra os incendios forestais e de autoprotección para a poboación rural das parroquias de alta actividade incendiaria. Estes municipios toman a remuda dos que inauguraron estas xornadas o pasado mércores día 22 en varios puntos da nosa comunidade e, mañá, celebraranse nos concellos ourensáns de Lobeira, Maceda, Bande e Chandrexa de Queixa.

Estas charlas divulgativas, de entre unha e dúas horas de duración cada unha, están encadradas no programa de formación dirixido á poboación do rural, dentro do Plan de formación para o Servizo de prevención de incendios forestais 2021-2024. Teñen como obxectivo principal sensibilizar á poboación das 35 parroquias de alta actividade incendiaria declaradas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2022) sobre as medidas de autoprotección das casas, aldeas e urbanizacións fronte a incendios forestais.

O programa das charlas tamén inclúe formación normativa e legal. Máis concretamente, os asistentes serán informados do protocolo de actuación en caso de emerxencia por incendio forestal en núcleos habitados e das actuacións de prevención establecidas na Lei de prevención de incendios forestais de Galicia, que son de obrigado cumprimento.

Estas accións formativas pretenden concienciar á cidadanía da importancia de informar ás autoridades en relación cos lumes. Isto pode facerse mediante dous números de teléfono, ambos gratuítos: 900 815 085, para dar conta de calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento; e o 085, para alertar sobre algún incendio e permitir que os efectivos do Servizo de prevención e extinción poidan chegar o antes posible e minimizar as consecuencias do lume.