A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, formaliza co Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) o encargo para a realización dos traballos de avaliación do impacto do Cambio Climático nos Recursos Hídricos da Demarcación Internacional Miño-Limia.
Esta actividade encádrase dentro da actividade 1 “Análise das concas dos río Miño e Limia a nivel xeográfico e hidrolóxico” do proxecto RISC_ ML, Prevención do Risco de Inundacións e Secas na conca Internacional do Miño-Limia.
Os traballos centraranse na avaliación das alteracións climáticas elaboradas de forma independente para tres períodos distintos, a curto prazo - anos 2011 e 2040-, medio prazo -2041-2070- e longo prazo -2070-2100- ; e para dous escenarios de emisións de gases de efecto invernadoiro, para as traxectorias de concentración máis representativas, RCP 8.5, o máis negativo, que supón os niveis máis altos de CO2 e o RCP 4.5, o máis moderado que, a priori, presentaría un menor impacto sobre o ciclo hidrolóxico.
Os resultados de cada período compararanse co período de control comprendido entre os anos 1950 e 2005. Os impactos detectados presentaranse agregados para toda a Demarcación, pero tamén para aquelas subzonas que se consideren de interese como os Sistemas, Subsistemas de explotación e as masas de auga.
O encargo conta cun orzamento de 129.672 euros e un prazo de execución de doce meses.