A CHMS inicia a restauración de varios poldrados situados nos municipios de Celanova e Lobeira

poldrado
A CHMS inicia a restauración de varios poldrados situados nos municipios de Celanova e Lobeira

O investimento estimado superará os 280.000 euros

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, inicia a restauración de varios poldrados situados nos municipios da Merca, Celanova e Lobeira.

Os poldrados, tamén denominados pontellas, son infraestruturas antigas sobre pequenos leitos fluviais que dan continuidade aos camiños e que están catalogados como elementos de gran valor e interese histórico e etnográfico.

Estas obras de paso víronse seriamente deterioradas ao longo dos anos como consecuencia das sucesivas avenidas, arrastres de árbores e falta de mantemento polas administracións titulares das mesmas. Neste sentido, no ano 2021 os concellos da Merca, Celanova e Lobeira solicitaron colaboración á CHMS para a restauración de varios destes poldrados situados en camiños que actualmente se utilizan, fundamentalmente, como roteiros de sendeirismo.

Dada a antigüidade e valor histórico, para a súa restauración foi preciso realizar, previo á redacción dos proxectos, traballos de documentación e intervención arqueolóxica en cada un deles así como tramitar a preceptiva autorización ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.