Os colexios de Os Blancos, Sandiás e Baltar únense ó desfile infantil do Entroido 2016

ESCOLAS
Os colexios de Os Blancos, Sandiás e Baltar únense ó desfile infantil do Entroido 2016

Quedan por confirmar o CEIP de Sarreaus e Vilar de Barrio

Esta mañá produciuse unha nova xuntanza entre os centros educativos da comarca co concelleiro de Cultura e Festexos, Luis Miguel Gil, para continuar cos preparativos do desfile infantil. Os puntos máis problemáticos foron establecer a hora e o traxecto polo que van pasar os rapaces disfrazados. En principio, o horario de partida do desfile será as 11.15 da mañá. En canto ó percorrido, as escolas de fóra de Xinzo e o IES Lagoa de Antela e IES Cidade de Antioquía, repartiranse entre o CEIP Rosalía de Castro e o CEIP Carlos Casares. Dende alí comezarán a desfilar e xuntaranse no cruce da rúa San Sebastián coa Avenida de Madrid para recorrer todos xuntos a vía principal do pobo ata a Parada de Autobuses. Como cada ano, as escolas infantiles irán en primeira fila abrindo o desfile.

Sobre a mesa de debate queda outro punto importante como é a elección da temática dos disfraces. Os centros educativos son agora os encargados de escoller si o tema vai ser libre ou deciden un común para todos.

O venres 5 de febreiro de 2016 máis de mil rapaces recorrerán Xinzo cos seus disfraces. Participan o CEIP Rosalía de Castro, CEIP Carlos Casares, CEIP Os Blancos, CEIP de Baltar, CEIP de Sandiás, CEIP Rairiz de Veiga, Escola Infantil de Xinzo, Punto de Atención Infantil de Sandiás e Punto de Atención Infantil de Rairiz de Veiga. O CEIP de Cualedro en principio manifestou a súa intención de querer formar parte desta iniciativa, pois en entroidos anteriores fixeron actividades conxuntas coa escola de Baltar. Faltan por confirmar asistencia ó desfiles o CEIP de Sarreaus e o de Vilar de Barrio.