Comeza a campaña do Outono Gastronómico en Casas Rurales

130919 Outono gastronómico1
Comeza a campaña do Outono Gastronómico en Casas Rurales
6 establecementos da Limia incluidos

Unha vintena de establecementos de turismo rural da provincia de Ourense, dos 86 que se adheriron en toda Galicia, participan na 13ª edición do ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’, unha actividade impulsada pola Xunta e que arranca hoxe coa intención dinamizar o turismo no eido rural e favorecer a desestacionalización. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, achegouse ata un dos establecementos da provincia adheridos a esta iniciativa e alí presentou esta nova edición que se desenvolverá entre a xornada de hoxe, 13 de setembro, e o 15 de decembro, en toda a Comunidade. Díaz Mouteira,acompañada do seu equipo, visitou Fazenda Prádio no concello da Peroxa e comprobou os menús que este establecemento ofrece aos que decidan gozar dalgunhas das ofertas do Outono Gastronómico en Turismo Rural.

Casa Rousía

Casa A Rousía (Baltar)

Ademais de aloxamento, os 20 establecementos ourensáns que participarán nesta actividade ofrecerán diferentes menús elaborados con produtos galegos de temporada. Ademais, como novidade este ano, inclúese a posibilidade de realizar, no seu caso, actividades como paseos a cabalo, rutas de sendeirismo, visitas a adegas ou lugares de interese paisaxístico ou cultural como o Pórtico da Gloria, actividades deportivas como surf ou rafting, circuítos termais ou mesmo un escape room, grazas á nova oferta Outono Plus.

ESTABLECEMENTOS NA LIMIA, DENTRO DO OUTONO GASTRONÓMICO

Aldea rural Couso Galán

Casa A Rousía

Casa Baralló

Casa da Feira

Casa da Feira Vella

Casa Sabariz

Díaz Mouteira subliñou a importancia desta iniciativa por entender que “encaixa perfectamente” no modelo turístico que defende o Goberno galego, baseado na desestacionalización da demanda turística, atraendo visitantes durante todo o ano, e pola descentralización de fluxos cara toda Galicia, especialmente ás zonas do rural. Neste sentido, salientou que grazas ao Outono Gastronómico en turismo rural, as persoas que se acheguen aos establecementos participantes poderán gozar “dos mellores produtos de temporada da nosa gastronomía”, ao tempo que favorecen a actividade dos sectores produtivos do rural e a creación de emprego de calidade. Marisol Díaz explicou que o programa, ademais, ten por obxectivo tamén favorecer a desestacionalización neste período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares enmarcadas nas contornas rurais da provincia.

Couso Galán

Couso Galán (Sarreaus)

A representante do Goberno galego en Ourense lembrou o éxito do Outono Gastronómico en Turismo Rural que ao longo de 12 edicións suma máis de 64.000 participantes e o volume de negocio dos establecementos roldou os 4 millóns de euros. Ademais, os negocios participantes cualificaron cun 4,7 sobre 5 a súa experiencia neste evento e nove de cada dez amosáronse partidarios de repetir a experiencia. Ademais, este programa foi recoñecido na Feira Internacional de Turismo Fitur 2016 como Mellor Produto de Turismo Activo Nacional na modalidade de Enogastronomía.

Opcións a elixir

O Outono Gastronómico en Turismo Rural, con prezos moi competitivos, ofrece opcións que se adaptan ao tipo de viaxeiros, ás súas preferencias ou á duración da estadía. Os 86 establecementos de toda Galicia adheridos a esta 13ª edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural ofrecerán menús de entre 30 e 300 euros. Entre as modalidades que ofertarán para gozar desta actividade en parella, e familia ou con amigos figura o Menú Outono Gastronómico –sen pasar a noite–, o Paquete Outono Gastronómico para unha noite, o Fin de Semana Outono Gastronómico para dúas noites o Fin de semana familiar Outono Gastronómico para dúas noites con nenos.