O Concello de Xinzo executará as obras de reparación da cuberta do centro de día

centro de día
O Concello de Xinzo executará as obras de reparación da cuberta do centro de día

O proxecto materializarase grazas a un acordo entre a administración local e a Xunta de Galicia e ten un custo que ronda os 50.000 euros

Os problemas de humidades do centro de día de Xinzo de Limia resolveranse coa adxudicación, por parte do Concello, das obras de reparación da cuberta. O edificio, que foi rematado no ano 2007, presenta filtracións e as sucesivas reparacións levadas a cabo non deron unha resposta axeitada á problemática, sendo só efectivas nunha pequena superficie.

Tal e como asegurou a alcaldesa, Elvira Lama, que realizou unha visita ás instalacións esta mañá xunto co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, as obras adxudicaranse nos próximos días para que comecen na maior brevidade posible.

O centro de día de Xinzo de Limia presta os seus servizos ao abeiro dun convenio coa Xunta de Galicia. O edificio ten unha superficie construída de 332 m2 en planta baixa e 129 en planta alta. O resto da planta alta e a cuberta, están resoltas como cubertas planas. A solución construtiva empregada non resulta moi axeitada, pois son moi frecuentes os danos por humidades que ten o edificio, tal e como se especifica na memoria do proxecto. A actuación programada, que se levará a cabo froito dun acordo entre as dúas administracións, ten un custe de arredor de 50.000 euros e porá fin ás deficiencias.

Os traballos consistirán en protexer da auga da chuvia as fachadas e cubertas e da súa execución encargarase o Concello de Xinzo de Limia. O Consorcio financiará a intervención mediante a compensación das liquidacións que paga a administración local pola xestión deste servizo.