O Concello de Xinzo valora de xeito positivo as alternativas presentadas para non cortar as árbores

amigos das arbores
O Concello de Xinzo valora de xeito positivo as alternativas presentadas para non cortar as árbores

A Plataforma Amigas e Amigos das Árbores da Limia mantivo este mércores un encontro no Concello de Xinzo co grupo de goberno. Agradecemos a disposición do alcalde Antonio Pérez, do arquitecto municipal e dos concelleiros para recibirnos. Nesta reunión, as persoas que asistimos en representación da Plataforma presentamos as nosas propostas para levar a cabo as melloras necesarias na Avenida de Celanova sen cortar as árbores, así como as solucións alternativas para a circulación do tráfico pesado garantindo a seguridade viaria.

Dende o equipo de goberno valoraron positivamente estas propostas, recoñecendo que son as máis axeitadas para as veciñas e veciños da Avenida de Celanova e en xeral para o pobo. Tanto o alcalde coma os edís e o arquitecto municipal concordaron connosco en que a mellor solucción ao problema da circulación de camións de grande tonelaxe non é ensanchar esta rúa senón acondicionar as pistas transversais para que así poidan transitar por elas. Evitaríase deste xeito a talla das árbores centenarias e que o tráfico pesado teña que atravesar polo medio da vila.

O goberno local manifestou a súa vontade para comezar a dar pasos encamiñados á posible modificación do proxecto da Axencia Galega de Infraestruturas para a Avenida de Celanova, sen concretarnos as accións que levará a cabo. E é que indicaron que poderían atoparse con eivas administrativas e orzamentarias para poder executar unha obra alternativa.

Dende a Plataforma pensamos que, con vontade política, as distintas administracións competentes poderán chegar decontado a un acordo de colaboración como ten acontecido noutras ocasións.

Urxe tomar medidas axiña que eviten o arboricidio. Hoxe mesmo rexistramos un escrito instando ao alcalde a que solicite unha reunión coa Conselleira de Infraestructuras e Vivenda, Ethel Vázquez. As amigas e os amigos das árbores da Limia ofrecen o seu apoio ao Concello de Xinzo para iniciar contactos coa Xunta e tentar modificar un proxecto que ademais de acabar coa única avenida arborada que nos queda na vila só traerá prexuízos para todas e todos.