O concerto de Juan Magán, protagonista da “ICC Music” da Deputación de Ourense

Manuel Baltar na presentación da ICC Music
O concerto de Juan Magán, protagonista da “ICC Music” da Deputación de Ourense

Ademais de Juan Magán actuarán Depedro, The Funkles, Biggot e Malandrómeda, entre os días 2 ao 6 de maio en Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto aos coordinadores da ICC Week, Juan Rivas e Manuel Araujo, presentou esta mañá no Centro Cultural \“Marcos Valcárcel\” a \“ICC Music\”, que terá no concerto de Juan Magán o protagonista desta semana musical, que se desenvolverá do 2 ao 6 de maio en Ourense dentro da III edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas, a Ourense ICC Week 2017, que organiza anualmente a Deputación de Ourense.

Manuel Baltar destacou que a ICC Week é \“un evento consolidado no escenario nacional da creatividade, a innovación e a industria cultural, que vai medrando ano a ano en público e organizacións participantes\”, e remarcou que nesta edición a participación do produtor, músico e compositor, Juan Magán \“incrementará aínda máis a capacidade de atracción que ten a ICC Week\”.

O presidente do goberno provincial adiantou que a ICC Week tamén estará presente na celebración da \“Shopping Night\” do Centro Comercial Aberto, \“coa presenza dun cantante do ámbito independente norteamericano, quen presenta en Ourense o seu último traballo\”. Precisamente, a vindeira semana anunciarase o nome deste artista xunto co cartel de relatores que participarán nesta terceira edición, os cales van debater \“sobre temas de vangarda e creatividade, de acordo coa filosofía deste evento, que conxuga a innovación cos referentes históricos do noso patrimonio, como son os lugares onde se van a celebrar os relatorios\”, afirmou Baltar.

Juan Rivas detallou a programación musical para eses días, que comeza o 2 de maio, ás 21.00 horas, con Depedro, no Teatro Principal. Ao día seguinte día actuarán The Funkles, ás 21.00 horas (Centro Cultural \“Marcos Valcárcel\” ou Xardíns do Padre Feijóo, segundo as condicións meteorolóxicas), e o sábado, 6 de maio, terá lugar a ICC Show Vermú, entre as 12.00 e as 16.00 horas, coas actuacións nos Xardíns do Padre Feijóo de Bigott e Malandrómeda. Pechará o cartel de actuacións ese mesmo día, 6 de maio, ás 22.00 horas, Juan Magán, no Pazo dos Deportes \“Paco Paz\”.

En canto ás entradas, Manuel Araujo dixo que todos os concertos serán de balde ata completar o aforo agás as actuacións de Depedro -para o cal as entradas estarán á venda en Ataquilla e no Teatro Principal cun prezo de 10 €, a anticipada, e de 15 € o mesmo día do concerto-, e Juan Magán –15 € as primeiras 300, 18 € a anticipada, e 20 € o mesmo día do concerto-. En Internet estarán dispoñibles á venda en Ticketea, e o vindeiro luns nos \“40 Principales\” anunciaranse os puntos de venda físicos das entradas.