Concerto de Reis da Real Banda de Gaitas da Deputación, na Catedral de Ourense

Manuel Doval, Rosendo Fernandez, L eonardo Lemos e Xosé Lois Foxo
Concerto de Reis da Real Banda de Gaitas da Deputación, na Catedral de Ourense

O evento musical, que terá lugar o día 4 de xaneiro de 2018, será en homenaxe ás Cantareiras de Placín-Manzaneda, Clotilde Salgado García e Consuelo López García.

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá un concerto de Reis na Catedral de Ourense o día 4 de xaneiro de 2018, ás 20.30 horas, en homenaxe ás Cantareiras de Placín-Manzaneda, Clotilde Salgado García e Consuelo López García. A presentación deste evento musical tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o director da Real Banda de Gaitas, Xosé Lois Foxo; e o bispo de Ourense, Leonardo Lemos.

O concerto celébrase cada catro anos na Catedral de Ourense "como punto central da historia deste evento", sinalou o director da Real Banda de Gaitas

Rosendo Fernández destacou "o importante labor que realiza a Real Banda de Gaitas da Deputación na defensa das tradicións como embaixadora da cultura de Ourense e de Galicia". Ademais, o vicepresidente da Deputación de Ourense, quen fixo un repaso polos últimos Concertos de Nadal que ofreceu a Real Banda de Gaitas, animou "aos amantes da boa música a asistir a este concerto que terá un éxito de participación".

O concerto celébrase cada catro anos na Catedral de Ourense "como punto central da historia deste evento", sinalou o director da Real Banda de Gaitas, quen explicou que este ano "dedicámosllo ás cantareiras de Placín-Manzaneda, Clotilde Salgado e Consuelo López, porque son o verdadeiro testemuño e ese enlace que comunica a Galicia rural, que foi o albergue dos cantares de Reis, e agora precisamente, cando o mundo rural esmorece, Clotilde e Consuelo, con máis de 90 anos, van a estar na Catedral de Ourense para ofrecer aqueles cánticos de Reis que son a verdadeira xoia do mundo rural, onde se mantivo a nosa cultura, a nosa lingua e a personalidade de Galicia".

Nese mesmo senso, o bispo de Ourense destacou a "calidade" e a "humanidade" da Real Banda de Gaitas coa homenaxe ás cantareiras de Placín-Manzaneda, "persoas que gardan a memoria histórica do noso folclore e da nosa cultura, do culto, da relixiosidade feita arte, o que dalgún xeito pretende a Real Banda de Gaitas con estes concertos", afirmou o bispo de Ourense.

O programa do evento musical abrangue pezas como a Marcha procesional de San Faustino, a Muiñeira de Wojtyla, Deus Fratesque Gallaecia, a Muiñeira do Papa Francisco, "entre outras músicas que conforman ese patrimonio inmaterial que se conservou nos pobos de Galicia ao longo das décadas", destacou Xosé Lois Foxo.

No concerto tamén participarán Lucía Pérez, Tatiana Kostomarova & Mikhail Merzlyakov Kostomarov, Manuel Rei Olleros, Cantareiras de Placín e da Delegación Episcopal para a Vida Consagrada. "Este evento musical permitirá que a xente poida escoitar non só á Real Banda de Gaitas, senón tamén a tódolos invitados que contribuirán a engrandecer a nosa cultura", sinalou Manuel Doval.

No acto de hoxe, no que actuaron as Cantareiras da Real, tamén se presentou o CD/DVD do concerto de Fin de Ano que ofreceu a Real Banda de Gaitas, o ano pasado, en Veracruz, no Carballiño.