O 19 de xuño realizaranse probas piloto con orquestras en cinco concellos para ensaiar a posta en marcha
As pautas sobre as que se elaboran os protocolos son froito do diálogo que o Goberno galego mantén co sector e que posibilitan reactivar a actividade nun momento clave como este Xacobeo 21-22
Co fin de ofrecer certezas a organizadores, público e traballadores, actualmente estanse a tratar diferentes aspectos como a posibilidade de consumir comida ou bebida
En todos os casos o uso da máscara será obrigatorio e deberán cumprirse as distancias de seguridade de, polo menos, 1,5 metros e de 5 metros entre o escenario e o público.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e os conselleiros de Sanidade e de Cultura, Educación e Universidade, Julio García Comesaña e Román Rodríguez, informaron hoxe sobre os protocolos sanitarios nos que a Xunta de Galicia está traballando para que os concertos, festivas e verbenas poidan volver a celebrarse de xeito seguro nun momento clave como o Xacobeo 21-22 e con aforos de entre 1.000 persoas de pé e 5.000 sentadas que poderán chegar ata os 10.000 asistentes en función das características do recinto.
Co fin de ofrecer certezas a organizadores, público e traballadores, actualmente estanse a tratar diferentes aspectos como a posibilidade de consumir comida ou bebida.
Os asistentes terán á súa disposición dispositivos de xel hidroalcohólico ou desinfectantes nos puntos de entrada e saída así como nos aseos.