Constituise o comité técnico asesor sobre as concentracións parcelarias en marcha, presidido pola delegada da Xunta Díaz Mouteira

145
Constituise o comité técnico asesor sobre as concentracións parcelarias en marcha, presidido pola delegada da Xunta Díaz Mouteira

Calvos de Randín, Rairiz de Veiga, Porqueira, Vilar de Barrio, Baltar, Cualedro e Trasmiras son os concellos limiáns que as teñen neste momento.

Coordinar as distintas tramitacións que se deben levar a cabo durante o proceso de concentración parcelaria é o obxectivo do Comité Técnico Asesor de Reestruturación Parcelaria da provincia de Ourense, constituído este mediodía na Delegación Territorial da Xunta. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do xefe territorial da Consellería de Medio Rural, Yago Borrajo, presidiu o acto de constitución deste órgano.

Este comité ponse en marcha con carácter provincial a través da Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia e está composto por representantes dos distintos organismos e entidades con competencias na zona de actuación co obxectivo de coordinar as distintas tramitacións que se deben levar a cabo durante o proceso de concentración parcelaria, así como analizar as situacións preexistentes, as actuacións previstas e as incidencias ocorridas durante os procesos de reestruturación parcelaria.

Deste xeito, son membros, en primeiro lugar, a delegada territorial da Xunta, en calidade de presidenta do comité; o xefe territorial de Medio Rural; o secretario xefe da Área Xurídica, así como responsables do AGADER e dos servizos de Infraestruturas Agrarias, de Explotacións Agrarias, de Montes e da Loita contra Incendios. Tamén estiveron presentes responsables do Servizo de Conservación da Natureza, de Augas de Galicia e de Urbanismo, así como de Patrimonio Cultural. Por outra banda, tamén asistiron representantes das organizacións sindicais.

Na actualidade estase a traballar en 31 zonas abertas, das que 14 están en fase de acordo, o que supoñen 22.949 hectáreas máis a concentrar con 17.878 propietarios.

Por concellos atópanse abertas zonas de Calvos de Randín, Rairiz de Veiga, Porqueira, Vilar de Barrio, Baltar, Cualedro e Trasmiras.

A delegada territorial avanzou que no plan de concentración parcelaria de 2016 destináronse 4.789.110 euros a obras na provincia de Ourense. A meirande parte destinouse á execución de obras de camiños principais e secundarios.

A Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, que regula os procesos de reestruturación parcelaria, establece os modos formais de solicitar unha concentración. Na xefatura territorial de Medio Rural na provincia ourensá constan, na actualidade, sete solicitudes correspondentes a lugares ou parroquias de Riós, Monterrei, Os Blancos, Petín, Castrelo de Miño e Cenlle. Nestes dous últimos municipios, Castrelo de Miño e Cenlle, xa están previstas para este ano actuacións para iniciar o proceso de reestruturación, malia non estar aínda decretadas como abertas.

Díaz Mouteira explicou que a reestruturación parcelaria supón o agrupamento de diferentes parcelas dos titulares ou explotacións, de tal xeito que a estrutura das fincas se adapte mellor á súa natureza agraria. Incídese así no obxectivo de mellorar a estrutura territorial das explotacións, estudando para cada suposto as solucións que melloran a súa rendibilidade, que resultarán, segundo os casos, nunha única finca uniforme ou en varias ben diferenciadas, tendo sempre en conta a idoneidade para cada tipo de cultivo.