Consulta a concellos, empresas e xestores para optimizar as novas ordes de axudas en materia de residuos

220711 AVM MANIFESTACION INTERESE 2
Consulta a concellos, empresas e xestores para optimizar as novas ordes de axudas en materia de residuos
Durante un mes, estará aberto un proceso participativo para recibir suxestións sobre as próximas convocatorias e garantir a súa máxima eficiencia

A Xunta lanza unha consulta aberta á participación de concellos, empresas e entidades, tanto públicas como privadas, e xestores de residuos co obxectivo de optimizar as novas ordes de axudas que ten previsto publicar este ano grazas aos 20 millóns de euros dos que disporá Galicia, como mínimo, para apoiar proxectos que contribúan ao desenvolvemento da normativa en materia de residuos e ao fomento da economía circular.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu no Gaiás un encontro informativo para dar a coñecer a iniciativa impulsada polo seu departamento ante os principais colectivos e institucións aos que vai dirixida.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reunirase con concellos, empresas e xestores para abordar as futuras convocatorias de axudas en materia de residuos. foto xoán crespo

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, a conselleira agradeceu aos 60 asistentes —alcaldes, concelleiros e técnicos municipais, responsables de Ecoembes e Ecovidrio, e representantes do Clúster de solucións medioambientais (Viratec) e de Foroesgal, entre outros— o seu interese e implicación sempre que se trata de impulsar medidas que contribúan a mellorar a xestión dos residuos en Galicia.

O obxectivo da manifestación de interese é detectar novas iniciativas e medidas concretas que contribúan a implementar as liñas de actuación a seguir para cumprir coas esixencias da normativa sectorial de residuos e axuden a identificar, á vez, aos posibles beneficiarios.

Ángeles Vázquez explicou que a Consellería manterá aberta esta consulta ata o 12 de agosto para recibir suxestións sobre o marco e contido das ordes de axudas que prevé convocar neste eido, garantindo así a súa máxima eficacia e eficiencia. Deste modo e atendendo á información que se recolla, concretaranse as liñas estratéxicas das actuacións a subvencionar, os mecanismos de financiamento, os parámetros técnicos que deberán rexer a avaliación e selección de proxectos, e as entidades interesadas en desenvolvelos, como destinatarias das axudas.

11,00 h.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reunirase con concellos, empresas e xestores para abordar as futuras convocatorias de axudas en materia de residuos. Foto por Xoán Crespo.

Poden participar como interesados na consulta e polo tanto, optar a ser futuros beneficiarios das axudas, concellos e outras administracións locais, entidades xurídicas, tanto públicas como privadas, ou xestores de todo tipo de residuos. Para iso, pediráselles o seu parecer respecto dos conceptos subvencionables, prazos de execución e requisitos técnicos, entre outras cuestións, así como que acheguen, se os teñen, proxectos concretos a executar en materia de residuos.

O financiamento máximo que se poderá conceder a través das futuras axudas non excederá do 90% do custo total de cada actuación, que deberá estar terminada antes do 31 de decembro de 2026.