Curso de Aplicador e manipulador de produtos Fitosanitarios

ARV_fitosanitarios-kANC-U6012928969389nD-624x385@Ideal
Curso de Aplicador e manipulador de produtos Fitosanitarios

Organizado pola Oficina Agraria Comarcal de Xinzo, está previsto comece o vindeiro luns 30 de maio na aula Cemit

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria- ten previsto celebrar en Xinzo da Limia unha formación para obter o carné básico de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios. Programada para celebrarse na aula Cemit emprazada na Casa da Cultura, desenvolverase ao longo de sete días dende o vindeiro 30 de maio, cun total de 27 horas lectivas en horario de 16,00 a 20,00 horas.

Organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Xinzo, o obxectivo da acción é que os participantes adquiran coñecementos sobre o uso sostible dos produtos fitosanitarios así como sobre o seu manexo e aplicación de acordo coa normativa ao respecto, para que poidan exercer esta actividade en Galicia e no resto de España.

curso-aplicador-productos-fitosanitarios-alt

Así, no programa constan contidos sobre pragas e enfermidades dos cultivos e sobre os métodos de control máis axeitados, sobre os distintos produtos fitosanitarios e sobre a súa secuencia correcta de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación. Tamén se incidirá en conceptos como a perigosidade dos produtos fitosanitarios para a saúde das persoas, a súa dosificación, os equipos apropiados para a súa aplicación e a normativa relacionada, ademais das estratexias e técnicas para a xestión integrada de pragas.

Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de preinscrición correspondentes, que deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico oac.seca.xinzodalimia@xunta.gal. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 988 788 361.