Curso sobre tramitación administrativa mediante a sede electrónica do goberno Galego e a oficina virtual gandeira

image_gallery
Curso sobre tramitación administrativa mediante a sede electrónica do goberno Galego e a oficina virtual gandeira

Impartido pola Oficina Agraria Comarcal desta localidade ourensá, está previsto que se desenvolva na Casa da Cultura de Xinzo os vindeiros luns 22 e martes 23 de novembro

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar en Xinzo da Limia, entre os vindeiros luns 22 e martes 23 de novembro, unha formación sobre tramitación administrativa mediante a sede electrónica da Xunta e a Oficina Virtual Gandeira. Está programada na Casa da Cultura desta localidade ourensá, en horario de 15,30 a 20,30 horas, cun total de dez horas de duración.

O obxectivo é impulsar o emprego dos medios electrónicos no medio rural, familiarizando e formando ás persoas titulares de explotacións agrarias e aos mozos e mozas con intención de incorporarse para que saiban realizar distintos trámites tanto na sede electrónica da Xunta como na Oficina Virtual Gandeira. Así, ademais destes portais, trataranse cuestións como a Chave 365 e o certificado dixital, a guía de procedementos e servizos, solicitudes e modelos xenéricos e o sistema de notificacións electrónicas Notifica.gal.

Cómpre apuntar que esta acción está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico oac.seca.xinzodelimia@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 988 788 358.