Declaración con motivo do 25 de novembro polo grupo Popular no Concello

Declaración con motivo do 25 de novembro polo grupo Popular no Concello

Quere amosar o seu firme compromiso contra a violencia de xénero, a manifestación máis cruel e inhumana da desigualdade existente entre mulleres e homes no mundo.

DECLARACIÓN CON MOTIVO DO 25 DE NOVEMBRO:

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER.

O Grupo Municipal Popular do Concello de Xinzo de Limia, con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero que se conmemora o día 25 de novembro, quere amosar o seu firme compromiso contra a violencia de xénero, a manifestación máis cruel e inhumana da desigualdade existente entre mulleres e homes no mundo.

Combater calquera forma de violencia de xénero: violencia física, violencia psicolóxica, violencia económica, violencia sexual, abusos sexuais, acoso sexual e a trata de mulleres e nenas explotadas sexualmente, debe ser unha cuestión de Estado, xa que a violencia contra a muller constitúe unha violación dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.

A trata con fins de explotación sexual é a manifestación máis execrable de violencia contra as mulleres. Un terrible delito ligado ao crime organizado que afecta de maneira global á comunidade internacional, xa sexa como país de orixe, tránsito ou destino das vítimas desta forma de escravitude, contra a que todos os países deben loitar de maneira coordinada.

Segundo datos do último informe da Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito, o 94% das vítimas de trata con fins de explotación sexual son mulleres e nenas.

Con estes datos, queda de manifesto que a trata de seres humanos con fins de explotación sexual non é un crime neutral en termos de xénero pois a maioría das súas vítimas son mulleres e nenas, constituíndo ademais unha forma de violencia contra as mulleres.

A pobreza, as migracións, os conflitos armados ou o cambio climático e os miles de persoas desprazadas que foxen como consecuencia destes desastres, sitúanse entre as causas dunha realidade aterradora e cruel na que miles de mulleres e nenas son explotadas sexualmente. Un problema de dimensión transnacional pero tamén nacional, rexional e local no que hai que poñer aos Dereitos Humanos e á xustiza no centro dos nosos esforzos.

Neste sentido, a igualdade de xénero é un principio fundamental da Axenda 2030 das Nacións Unidas, e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable lémbrannos a gobernos e sociedade civil que na súa consecución é necesaria a erradicación de calquera tipo de discriminación e violencia contra as mulleres e as nenas, incluíndo a trata e a explotación sexual.

Moitas mulleres escapan dos seus países de orixe en busca dunha vida mellor, sen saber que na súa fuxida van caer nas redes das mafias e traballar para as mesmas baixo o xugo dunha ameaza constante por parte dos seus traficantes, sen importarlles pisar a dignidade das persoas, maioritariamente mulleres e nenas. As vítimas da escravitude sexual teñen dono e viven atrapadas polo medo e baixo ameazas contra elas e as súas familias.

Dende hai anos en Galicia puxéronse en marcha unha serie de instrumentos dirixidos a garantir a protección das vítimas.

Así, en Galicia aprobouse a Lei 12/2016, do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, precisamente para poder ampliar os dereitos das vítimas de trata con fins de explotación sexual que sufran este delito na nosa Comunidade Autónoma, que adquiren así a condición de beneficiarias das axudas económicas periódicas previstas para as vítimas da violencia de xénero en Galicia.

Ademais, a nosa Comunidade é pioneira na implicación da Administración autonómica na loita contra esta lacra, coa sinatura en xaneiro de 2010, e actualizada en 2012, do protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta de Galicia sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. As últimas reformas lexislativas no marco do Estado español e o vixente Protocolo marco de protección das vítimas de trata de seres humanos, configuraron un impulso vital na persecución deste delito e no apoio e protección das súas vítimas.

Solicitamos que o Concello de Xinzo de Limia declare a súa firme vontade de seguir avanzando na erradicación da trata de seres humanos, un delito que produce devastadoras consecuencias nas persoas que son captadas e utilizadas como simple mercadoría.

Así o esixe a sociedade no seu conxunto xa que, nesta materia, só se conseguen avances se hai un compromiso de todos os sectores políticos e sociais para poñer na axenda, como un asunto prioritario, a loita contra todas as formas de violencia cara as mulleres, conscientes de que se trata dunha cuestión que nos afecta como sociedade e como país e da que depende o futuro da nosa convivencia.

É unha tarefa que require unha actuación unitaria de todas as forzas políticas e da cidadanía, polo que é necesario seguir traballando na senda da máxima coordinación, colaboración e cooperación entre todos e todas e seguir concienciando á sociedade da necesidade de rematar con esta lacra para entre todos erradicar completamente a violencia de xénero.