DEGUSTACIÓNS DE PATACA, MÚSICA E UNHA UNHA XUGADA DE VACAS

alimagro01
DEGUSTACIÓNS DE PATACA, MÚSICA E UNHA UNHA XUGADA DE VACAS

Ás 10 da mañá abrirá as súas portas ALIMAGRO21

Antes da apertura dos dous recintos feirais, pavillón, explanada e parque do Toural, ALIMAGRO 21 abrirase cunha xornada sobre produción ecolóxica na Casa da Cultura.

A segunda xornada-coloquio programouse o sábado as 11.30 horas e nela falarase sobre as novas aplicacións da agricultura e será dirixida pola empresa Mooxvice.

DEGUSTACIÓNS VARIAS

Mañá serán dúas as degustacións que, como non podía ser doutro modo, terán a pataca como protagonista. A primeira será ás 13.00 horas a segunda ás 19.00 horas, ambas no stand do Consello Regulador e repetiranse o sábado no mesmo horario e lugar. A música cobrará protagonismo o sábado con Cantigas Populares Galegas a cargo do Coro Aimil Folk de Xinzo de Limia.

Xugada de vacas

A xugada das vacas do Ángel de Morgade percorrerá o recinto feiral o domingo ás 11.00 horas, mentres que para as 11.30 programouse un obradoiro de gastronomía saudable e sostible titulado “O papel da pataca”, a cargo do chef Carlos Parra do Castelo de Maceda. A actuación da Banda de Gaitas de Xinzo de Limia pechará a feira deste ano, que volve con forza despois de que o ano pasado tivera que suspenderse pola pandemia.

Cómpre recordar que no interior do pavillón instalarase todo o relativo á pataca, da man de produtores, asociacións ou almacenistas, entre outros profesionais relacionados co sector. Nos exteriores copará toda a atención a maquinaria agrícola. A programación tamén pensa nos máis pequenos da casa e así, durante o horario da feira, haberá ruta de tractores e inchables gratuítos.

Nun momento no que a pandemia obriga a extremar as precaucións, seguiranse todas as medidas de seguridade e protocolos. Así, estableceuse que a entrada e saída do recinto feiral será entre o parque da Alameda e o parque do Toural.