O Dende A Limia crece un 30% no ano 2016

LOGO 1
O Dende A Limia crece un 30% no ano 2016

Con 230.000 usuarios únicos nos seus dous anos de vida, o Dende A Limia aséntase como medio de comunicación de referencia na Alta e Baixa Limia.

Con pouco máis de dous anos de vida –tralo noso nacemento no mes de outubro do 2014– o Dende A Limia xa se converteu no xornal de referencia para os veciños e veciñas das dúas comarcas da Limia.

No que levamos de 2016, o noso público total medrou, de media, en máis de 2.300 usuarios novos mensuais, o que supón un incremento do 31%, que nos permitiu alcanzar, só ata o mes de outubro, 115.900 usuarios/as únicos/as, 323.300 visitas e 537.000 páxinas vistas. Trátase de números ao alcance de moi poucos xornais dixitais de carácter local.

gráficaa

O noso obxectivo é o tratamento da información local e a independencia. DendeALimia.com pretendeu sempre –e procura continuar na mesma liña– ser un espazo aberto ao que acontece nas comarcas da Alta e da Baixa Limia. En definitiva, interesámonos por aqueles temas que máis inflúen na vida dos limiaos, que moitas veces son esquecidos ou simplemente obviados polos grandes xornais, radios e televisións do país.

DendeALimia.com é un medio novo, non só por ser recente e dixital, senón pola composición da súa audiencia: 61% do noso público está na franxa 18-34 anos, 28% entre 35-54 e o 11% ten 55 ou máis anos.

Temos máis de 4.600 seguidores/as en Facebook e máis de 300 en Twitter que lle garanten un elevado impacto nas redes sociais. En Facebook somos o cuarto medio en galego con máis seguidores (e o único dos non xeneralistas que se posiciona tan arriba).

gráficac

Todos estes bos números e este constante crecemento son grazas a vós, os nosos lectores, que seguides ao pé do canón as nosas informacións, comentándoas, compartíndoas e espallando este fenómeno mediático case único en Galicia que construímos para a cidadanía. Grazas!