A Deputación aproba axudas para proxectos de prestación de servizos sociais
Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama –concelleira popular en Xinzo de Limia–, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 3 de marzo.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas para proxectos de prestación de servizos sociais para o ano 2017. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 3 de marzo.
A dispoñibilidade orzamentaria destinada para estas axudas ascende a un importe de 260.000 euros, debendo responder as solicitudes a algunhas das tres liñas de actuación: proxectos e actividades de emerxencia social, para os cales a contía máxima da axuda será de 25.000 euros; proxectos e actividades de prestacións de servizos sociais na provincia de Ourense, para os cales a contía máxima será de 15.000 euros; e proxectos de conciliación e reactivación sociodemográfica na provincia de Ourense, para os cales a contía máxima será de 10.000 euros.
Asemade, estes importes máximos serán incrementados nun 20% no caso de que o proxecto subvencionado sexa presentado por dúas ou máis entidades. Así mesmo, como regra xeral, o importe máximo da axuda para cada proxecto non poderá exceder do 80% do seu orzamento, aínda que podería alcanzar o 100 % no caso de que o proxecto sexa presentado por dúas ou máis entidades ou cando o orzamento da actividade non supere os 6.000 euros.
No que respecta á primeira liña de actuación, os proxectos de emerxencia social, as actividades que opten a estas axudas deberán estar dirixidas a colectivos ou persoas afectadas por unha situación de emerxencia económica de carácter estrutural ou conxuntural que precise ser atendida con carácter de urxencia. En todo caso primarán dun modo especial aqueles proxectos cuxas actuacións se centren na atención económica, ou en especie, das necesidades básicas das persoas.
En canto aos proxectos de prestacións de servizos, as actuacións a subvencionar deberán ter como beneficiarios a calquera dos colectivos das distintas áreas de acción nas que traballan os servizos sociais. Así mesmo, primarase a aqueles colectivos de persoas, que por razóns obxectivas de índole económica, de saúde ou pola concorrencia de circunstancias sociais, étnicas ou culturais, sufran especiais dificultades e precisen dunha atención específica para garantir estes dereitos.
Por último, no apartado de proxectos sobre conciliación e reactivación sociodemográfica na provincia de Ourense, deberán ter por obxectivo o desenvolvemento de iniciativas de carácter social que teñan incidencia directa na recuperación ou fixación da poboación nos seus lugares habituais de residencia. Neste apartado teranse en conta de xeito especial aqueles proxectos que teñan obxectivos concretos de conciliación familiar e laboral, con nenos e nenas ou con maiores con necesidade de atención.
Poderán ser beneficiarios destas axudas aquelas organizacións, asociacións e/ou fundacións con domicilio social na provincia de Ourense, para aqueles proxectos que se desenvolvan integramente na provincia e se dirixan a persoas con residencia na provincia. No caso de que os proxectos sexan presentadas conxuntamente por dúas ou máis entidades, toda elas deberán cumprir cos requisitos esixidos, isto é, que teñan o domicilio social na provincia de Ourense e estean inscritas nos rexistros correspondente con data anterior á finalización do prazo de presentación de proxectos.
O prazo para presentar as solicitudes para estas axudas será dun mes, contando a partir do día seguinte da publicacións destas bases no Boletín Oficial da Provincia.
A Comisión de Valoración trasladará as súas propostas á Xunta de Goberno desta Deputación, que serán resoltas no prazo máximo de tres meses dende o remate do prazo de presentación das solicitudes ou, no seu defecto, da corrección de deficiencias na documentación se as houbera.