A Deputación aproba preto de 640.000 euros en subvencións para emprego, cooperación con concellos e entidades, deportes e cultura

Xunta de Goberno 18.10.2021 (1)
A Deputación aproba preto de 640.000 euros en subvencións para emprego, cooperación con concellos e entidades, deportes e cultura
A Xunta de Goberno concedeu cinco subvencións por un importe total de 42.750 euros dentro do programa EmprendOU, entre eles un en Xinzo.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de preto de 640.000 euros en subvencións nos ámbitos de emprego, deportes, cooperación con concellos, con entidades e cultura. Unha sesión na que o goberno provincial adheriuse á declaración da xunta de goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), na que baixo o lema “Con La Palma. Seguirmos estando. Cerca. Sempre”, compromete “o apoio necesario ao Plan Especial para a reconstrución de La Palma anunciado polo goberno”, co fin de axudar aos municipios máis afectados e ao conxunto da illa á recuperación dos enormes danos provocados pola erupción do volcán Cumbre Vieja.

Polo que respecta ao ámbito do emprego, a Xunta de Goberno concedeu cinco subvencións por un importe total de 42.750 euros dentro do programa EmprendOU para proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico. As achegas, cun valor máximo cada unha delas de 8.550 euros, terán como beneficiarios cinco proxectos relacionados coa educación, o deporte e os servizos a desenvolver nos concellos de A Veiga, Boborás, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

En cooperación cos concellos concedéronse as seguintes subvencións: 45.500 euros destinados á urbanización da rúa do Pazo en Arnoia; 48.000 euros a favor de Cortegada para a construción dun muro de protección no antigo balneario; 220.000 euros á entidade local menor de Berán para a posta a punto do balneario novo; 148.700 euros para a obra de mellora do acceso a Prado, “reparación da estrada de Lobios fase II”, en Muíños; e 48.000 euros para o Concello da Teixeira que permitirán o acondicionamento de camiños.

En cooperación con entidades aprobouse unha axuda de 26.000 a favor da Fundación Carlos Casares para gastos de funcionamento correspondentes ao presente exercicio.

Na orde do día da sesión tamén figuraba a modificación do importe dunha obra no Concello do Bolo, dentro do Plan da Rede Viaria Provincial, e a incorporación ao Plan Provincial de Cooperación dunha obra de mellora entre as estradas OU-0803 e OU-0804 na Veiga.