A Deputación asume a xestión da pista entre Xinzo e Vilar de Barrio

pistaxinzovilar
A Deputación asume a xestión da pista entre Xinzo e Vilar de Barrio

Elvira Lama valora positivamente que o goberno "entenda a urxencia de incluír esta pista, con alta sinistralidade, na rede viaria provincial".

Após a denuncia pública e a presentación dunha moción neste sentido, o grupo socialista na Deputación consegue que o pleno adopte a inclusión da pista que une Xinzo e Vilar de Barrio, na rede viaria provincial. No seu momento, a deputada provincial e portavoz socialista en Xinzo, Elvira Lama, fíxose eco, visitando o terreo, da necesidade de que os concellos de Xinzo de Limia, Sarreaus e Vilar de Barrio cedan a titularidade da estrada á Deputación de Ourense, para que sexa esta institución a encargada de levar a cabo tódalas obras e melloras necesarias en materia de seguridade viaria, coa única fin de reducir ao máximo os accidentes e, en consecuencia, o numero de feridos e falecidos.

A pesares de que no pleno de novembro, a moción non foi incluída na orde do día, Elvira Lama valora positivamente que o goberno da Deputación "asuma a súa responsabilidade e comece a traballar para regularizar a situación dunha estrada moi transitada e perigosa". Lama coida que os veciños e veciñas da Limia "merecen que se atendan as súas demandas" e que a pista que une Xinzo e Vilar de Barrio sexa incluída na rede viaria da Deputación, posto que "cómpre investir nela e nas medidas de seguridade, xa que, hoxe en día supón un grave perigo para a integridade dos usuarios e usuarias". A maiores de solicitar a cesión de titularidade da pista de concentración que enlaza a N-525 coa estrada OU-1102, na parte que lles corresponda aos tres concellos, grazas á inciativa socialista, acordouse incorporar a pista mencionada á Rede de Estradas provinciais e proceder de forma urxente a realizar todas as actuacións de obra e mellora mencionadas nos informes de Tráfico en materia de seguridade viaria. Ao mesmo tempo, vaise solicitar, aos tres concellos, a sinalización adecuada das numerosas pistas que cruzan perpendicularmente o devandito vial.