A Deputación avanza no proxecto de crear un ecosistema de produción sostible con base na en fincas en Sandiás

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Emma González (Xerenta do INORDE), para a xestión de fondo europeos para proxectos turísticos a trasvés do INORDE.
A Deputación avanza no proxecto de crear un ecosistema de produción sostible con base na en fincas en Sandiás

A iniciativa está apoiada en dúas actuacións fundamentais: un espazo colaborativo de transformación de produtos e un programa de emprendemento agrícola

A Deputación avanza no proxecto para desenvolver un ecosistema de produción de alimentos sostibles con base na vella estación de tren de Cantoña, en Paderne de Allariz, e que se apoiará nas fincas de cultivo propiedade da administración provincial en Sandiás, destinadas a novos emprendedores agrícolas. Agora, a través do Inorde, presentouse á convocatoria estatal de subvencións para o financiamento de proxectos innovadores para a transformación territorial e a loita contra o despoboamento. Esta fase do proxecto sumaría unha inversión de medio millón de euros -450.000 euros serían subvencionados- e abarca un cronograma de tres anos.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse coa xerente do Inorde, Emma González, para repasar os detalles dun “iniciativa completamente estratéxica”, e que xa recibiu por parte do goberno provincial unha achega de 250.000 euros para rehabilitar a antiga estación de ferrocarril, que se converterá nun centro colaborativo de transformación de produtos co foco posto nas comarcas de Allariz-Maceda, A Limia e Terra de Caldelas.

Manuel Baltar incide na importancia dun proxecto que busca desenvolver un “ecosistema de intelixencia e innovación territorial mediante a creación de redes entre produtores, consumidores e outros oficios existentes ou por crear no territorio, que contribúa a xerar instrumentos eficaces na loita contra o despoboamento”. Todo apoiado en dúas actuacións fundamentais: o programa de emprendemento agrícola e a creación do espazo colaborativo de transformación de produtos.

O presidente da Deputación destaca as repercusións desta iniciativa, que “busca dinamizar estas comarcas, xerando oportunidades tanto a veciños interesados no emprendemento agrícola e que non teñen terreos como a persoas que busquen unha segunda actividade para elevar o seu nivel de renda”. O proxecto suma unha perspectiva de xénero, prestando especial atención á participación das mulleres.

Manuel Baltar explica que a través da “colaboración pública privada estimulase a evolución da nosa base produtiva e se avanza na transformación dos produtos cultivados, para acceder a novos mercados e cunha clara aposta pola conservación da biodiversidade e a paisaxe”. En función dos resultados do proxecto, aplicarase o modelo, aplicado ás necesidades específicas, noutras comarcas da provincia de Ourense.