A Deputación colaborará coas catro comunidades de regantes da Limia para o plan de modernización do regadío na comarca

Reunión Manuel Baltar con Julio Manuel Montero Molinos Jose Manuel Fernández Martínez Amador Saburido Dapousa e Amador Díaz Penín acompañados pola alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez Dorado.
A Deputación colaborará coas catro comunidades de regantes da Limia para o plan de modernización do regadío na comarca

O compromiso de cooperación do goberno provincial suporá habilitar unha axuda que permita reducir a achega que deben facer os máis de 7.000 propietarios e 120 regantes potencialmente beneficiarios do proxecto

A Deputación de Ourense colaborará coas catro comunidades de regantes da Limia para o desenvolvemento do plan de modernización do regadío na comarca, que executan o Goberno central e a Xunta de Galicia.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, realizou este anuncio logo da reunión que mantivo na Sala de Xuntas do Pazo Provincial cos presidentes das comunidades de San Salvador de Sabucedo, Julio Manuel Montero; Corna do Monte, Amador Saburido; Alta Limia, Amador Díaz; e o vicepresidente de Lamas Ganade, José Manuel Fernández; acompañados pola alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez.

Manuel Baltar cualificou o encontro como “tremendamente positivo”, xa que segundo destacou trátase “dunha obra estratéxica e transformadora para a comarca da Limia”. O compromiso de cooperación do goberno provincial, explica Manuel Baltar, suporá habilitar unha axuda que permita reducir a achega que deben facer propietarios e regantes potencialmente beneficiarios deste proxecto.

Manuel Baltar resalta que se está a estudar a mellor fórmula xurídica para executar estas axudas, que se canalizarán ben a través da propia Deputación ou do Inorde, “que tamén ten unha forte implantación na Limia, axudando aos verdadeiros protagonistas da comarca agraria máis importante de Galicia”.

Susana Vázquez expresou tamén a súa satisfacción polo resultado da reunión, afirmando que o compromiso da Deputación “é unha noticia moi boa que será recibida con moitísimo agrado en toda a Limia, que é sen dúbida o motor agrario galego”.

A cooperación do goberno provincial axudará a reducir a achega do 20 % que teñen que facer os propietarios e regantes da comarca limiá incluídos na área de regadío. As comunidades de regantes que se beneficiarán do plan engloban aos concellos de Porqueira, Xinzo e Trasmiras, representando a máis de 7.000 donos de terreos e 120 regantes.