A Deputación destina un total de 280.000 euros para axudas a asociacións veciñais e organización de eventos deportivos

Montserrat Lama
A Deputación destina un total de 280.000 euros para axudas a asociacións veciñais e organización de eventos deportivos

Na Xunta de Goberno tamén se aprobaron as bases reguladoras do concurso para a concesión de axudas ás federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá as bases reguladoras das convocatorias dos concursos para a concesión de axudas para gastos de investimento de asociacións veciñais de Ourense; para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense; para entidades deportivas e entidade sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos; e para concellos e mancomunidades de municipios para organización de actividades físico-deportivas, todas elas correspondentes ao exercicio 2018. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 2 de febreiro de 2018.

En concreto, na reunión aprobáronse as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas ás asociacións veciñais de Ourense para financiar os seus gastos de investimento correspondentes ao 2018. Poderán ser beneficiarios de ditas axudas as asociacións veciñais, consideradas como tal aquelas cuxos fins sexan a defensa dos dereitos e intereses dos veciños dun determinado ámbito territorial, que cumpran os seguintes requisitos na data de publicación destas bases no BOP: estar inscritas no Rexistro Provincial de Asociacións de Ourense e ter o seu domicilio social na provincia de Ourense, o cal debe constar na inscrición do rexistro.

A dispoñibilidade orzamentaria para estas axudas é de 100.000 euros.

A dispoñibilidade orzamentaria para estas axudas é de 100.000 euros. A presentación das solicitudes, que poderá realizarse de forma presencial ou telemática, iniciarase a partir da publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 15 de marzo de 2018.

Por outra parte, na Xunta de Goberno tamén se aprobaron as bases reguladoras do concurso para a concesión de axudas ás federacións ou agrupacións de asociacións veciñais de Ourense para financiar parcialmente os seus gastos de funcionamento correspondentes ao 2018. Poden ser beneficiarios destas axudas as federacións ou agrupacións de asociacións de veciños que estean integradas por tres ou máis asociacións, entendendo por tales as que teñan como fin defender os dereitos e intereses dos veciños dun determinado ámbito territorial. Ademais, na data de publicación destas bases no BOP, deben cumprir os seguintes requisitos: estar inscritas no rexistro provincial de asociacións de Ourense e ter o seu domicilio social na provincia de Ourense (debe constar na inscrición no rexistro).

O prazo para presentar as solicitudes, vía presencial ou telemática, dará comezo a partir da publicación das bases na Base de Datos Nacional de Subvencións ata o 15 de marzo de 2018. A contía máxima dispoñible para estas axudas é de 50.000 euros.

Deporte

No apartado deportivo, na reunión aprobáronse as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos a realizar no 2018, coa finalidade de contribuír ao mantemento dunha actividade deportiva ampla, orientada ao público en xeral e baseada principalmente nos conceptos de deporte – saúde e deporte para todos.

Poden beneficiarse destas axudas as entidades deportivas e outras entidades sen ánimo de lucro con enderezo social na provincia de Ourense.

Para elo, as bases recollen que os eventos deportivos deben cumprir os seguintes requisitos: actividades físico-deportivas de carácter específico e puntual, que impliquen a práctica de disciplinas deportivas recoñecidas polas federacións deportivas, ou actividades físicas semellantes, con carácter competitivo ou non, tales como campionatos e torneos, carreiras, andainas ou rutas de sendeirismo e marchas ou rutas cicloturistas.

Poden beneficiarse destas axudas as entidades deportivas e outras entidades sen ánimo de lucro con enderezo social na provincia de Ourense, que contemplen nos seus estatus, como obxecto social, entre outros, a promoción e difusión do deporte na nosa provincia. No caso de ser eventos propostos por estruturas federativas, a solicitude poderá proceder da federación galega da modalidade respectiva.

A dispoñibilidade orzamentaria para estas axudas é de 70.000 euros, sendo a contía de cada axuda dun máximo do 50% do custo estimado da actividade, non podendo superar en ningún caso os 10.000 euros. Polo tanto, ningún beneficiario poderá obter axudas por importe superior a esta contía para o conxunto dos distintos proxectos que presente.

O primeiro período do prazo de presentación das solicitudes comezará a partir da publicación destas bases na Base de Datos Nacional de Subvencións ata o 15 de marzo de 2018; e o segundo período para presentar as solicitudes será desde o 15 de xuño ata o 30 de xullo do 2018.

Neste mesmo ámbito, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras do concurso para a concesión de axudas a concellos e mancomunidades de municipios da provincia de Ourense, coa finalidade de financiar actividades e programa deportivos para o ano 2018.

Son obxecto destas axudas os eventos deportivos ou os programas deportivo–recreativos.

Son obxecto destas axudas os eventos deportivos ou os programas deportivo–recreativos. O primeiro deles refírese a actividades con carácter específico e puntual que comporten a realización de actividades físicas, semellantes ás deportivas, que se correspondan con hábitos de vida saudable como andainas, carreiras populares, marchas ou rutas en bicicleta, entre outras. Mentres que, os programas deportivo-recreativo son entendidos como actividades planificadas, realizadas de maneira regular durante un tempo específico que se debe corresponder coa tempada deportiva coincidente co exercicio económico para o que está designada esta convocatoria, e que estean destinados á poboación en xeral. Os programas poden ser de dous tipos: programas de actividade física-deportiva para adultos e persoas maiores (ximnasia de mantemento, aerobic, pilates, etc) e programas destinados á promoción ou divulgación dunha especialidade deportiva mediante a súa práctica (escolas deportivas, cursos de iniciación ao deporte, etc). As solicitudes para estes programas poderán incluír varias actividades.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos da provincia de Ourense de menos de 20.000 habitantes e as mancomunidades de municipios da provincia. As solicitudes poderán presentarse a partir da publicación destas bases na Base de Datos Nacional de Subvencións e ata o 15 de marzo de 2018.

A dispoñibilidade orzamentaria para estas axudas é de 60.000 euros

A dispoñibilidade orzamentaria para estas axudas é de 60.000 euros, sendo a contía máxima das axudas o 50% do custo total para os concellos de máis de 3.000 habitantes e mancomunidades e ata o 70% para os concellos de menos de 3.000 habitantes. Ningunha entidade poderá obter unha axuda por importe superior a 3.000 euros para o conxunto dos distintos proxectos que presente.

Axudas

Por último, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 36.000 euros para a Fundación Curros Enríquez, para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2017 e, para o Concello de Muíños aprobou unha axuda de 80.000 euros para o pantalán no complexo deportivo O Corgo.