O espazo escollido para este curso de esquí é a estación Oca Nova Manzaneda. Alí vai ter lugar o Esquiou 2016, un conxunto de actividades deportivas dirixidas a nenos e nenas da provincia de Ourense e que teñan entre 9 e 12 anos. Ademais dun curso de esquí, inclúese aloxamento, pensión alimentaria e outras actividades.
Vaise desenvolver en varias quendas en función da localización xeográfica. Así,no caso dos rapaces e rapazas da Baixa Limia, irán a Manzaneda entre o 18 e 20 de xaneiro xunto cos da Terra de Celanova. Os da Limia irán o 25 e 27 de xaneiro acompañados dos de Allariz e Maceda.
A organización decidiu facer a actividade entre a semana para evitar as aglomeracións da fin de semana e así poder contar con máis profesionais dispoñibles para os pequenos.
A inscrición xa pode facerse na páxina web da Deputación de Ourense e ata tres días antes de que comece o Esquiou 2016. As prazas iranse cubrindo por orde de anotación. No caso de quedar sen praza que lle corresponda por localización xeográfica, poderanse asignar a outras quendas se teñen prazas baleiras e farase por orde de inscrición.