A Deputación de Ourense colabora coa II Carreira da Muller

Luz Doporto na presentación da II Carreira da Muller de Ourense
A Deputación de Ourense colabora coa II Carreira da Muller

Luz Doporto participou na presentación deste evento deportivo que se celebrará, o día 8 de marzo, baixo o lema “Libre para correr”

A Deputación de Ourense colabora coa II Carreira da Muller de Ourense que reivindica o papel da muller no deporte con motivo do Día Internacional da Muller. A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, participou hoxe, no Salón de Plenos do Concello de Ourense, na presentación desta proba que se desenvolverá, o día 8 de marzo, baixo o lema “Libre para correr”.

A deputada provincial reivindicou na presentación “a importancia de desenvolver este tipo de iniciativas nunha data tan sinala como é o Día da Muller, para visibilizar o noso papel en tódolos ámbitos da nosa vida” e lembrou que nesa loita pola igualdade “debemos estar todos”.

A segunda edición deste evento pretende congregar a máis de 800 participantes, logo de mobilizar na súa primeira edición a máis de 600 persoas que recorreron as principais rúas da cidade en apoio a esta iniciativa que reivindica o dereito a correr libremente sen medo.

A proba conta cun percorrido de cinco quilómetros, sendo dun quilómetro a carreira inclusiva para persoas con mobilidade reducida. O inicio da carreira será ás 11.00 horas, e ás 10.50 horas para a carreira inclusiva. A saída e a meta será na Praza Maior de Ourense e os participantes percorrerán as principais rúas da cidade.