A Deputación de Ourense promoverá a implantación dun proxecto integral de xestión ambiental na Limia

Sinatura do protocolo do Proxecto ambiental da provincia de Ourense. Asisinan Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) e Joaquín Sanz López (Administrador de Arrte Energías, S.L.)
A Deputación de Ourense promoverá a implantación dun proxecto integral de xestión ambiental na Limia

O presidente Baltar da cumprimento así a unha das medidas que anunciou no pasado debate sobre o estado da provincia.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial con Joaquín Sanz López, director xerente de Arrate Energy Corp., e outros representantes deste grupo empresarial, para establecer obxectivos en común cara á implantación dun proxecto integral de xestión ambiental na comarca da Limia. Na xuntanza analizaron as necesidades e potencialidades que o desenvolvemento desta iniciativa podería traer para a provincia, cuxo principal obxectivo é establecer os criterios básicos de colaboración e coordinación entre a Deputación de Ourense e o Grupo Arrate no proxecto ambiental de xestión integral de residuos de orixe orgánico na provincia de Ourense.

Sinatura do protocolo do Proxecto ambiental da provincia de Ourense. Asisinan Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) e Joaquín Sanz López (Administrador de Arrte Energías, S.L.)O Grupo Arrate Energy Corp está conformado por unha agrupación de empresas que desenvolve, constrúe e xestiona proxectos de enerxía renovable de gran relevancia en España e Latinoamérica dende 2011. A iniciativa planeada para Ourense consiste nunha planta de xestión integral de residuos que contempla catro liñas de actuación: planta de biogás, planta de biometano, planta solar fotovoltaica e planta de produción de hidróxeno verde, que no seu conxunto dan como resultado un proxecto sostible e pioneiro no ámbito nacional.

A planta de biometanización proxectada terá unha capacidade anual inicial de 72.000 toneladas de residuos orgánicos procedentes de marcrogranxas, cultivos intensivos, matadoiros, industria alimentaria e restos de silvicultura entre outros. A instalación estará abastecida enerxéticamente pola planta fotovoltaica para autoconsumo de 2.5 MW en fase inicial. Tralo tratamento, obteríase biogás para inxectar na rede, enerxía calorífica para o propio proceso, e un residuo fermentado que pode ser empregado como fertilizante. Estímase que o proxecto pode xerar en fase inicial ao redor de 50 empregos directos e indirectos.

En palabras do presidente Baltar, "a colaboración público privada é esencial para lograr atraer proxectos innovadores capaces xerar valor no territorio. No contexto actual, a xestión dos gobernos locais e intermedios xoga un papel esencial na captación e fixación no territorio de iniciativas empresariais baseadas na sostibilidade e na descarbonización, que impulsen modelos locais de economía circular que no curto-medio prazo traerán consigo desenvolvemento tecnolóxico e equilibrio medioambiental; unha estratexia win-win para todos". "Este proxecto –sinala Baltar- comparte a mesma visión e compromiso que as accións do goberno provincial recollidas no plan de mandato 7273, e o éxito deste proxecto suporá unha gran aportación de Ourense na loita contra o cambio climático e na súa contribución ao logro dos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS)".

Manuel Baltar, quen considera que se trata "dunha decisión estratéxica de equilibrio territorial e vocación medioambiental", puxo a disposición do Grupo a colaboración técnica na captación de fondos europeos e xestións con outras administracións. Ademais diso, facilitaranse os accesos ás instalacións desde as estradas de titularidade provincial.

O presidente Baltar da cumprimento así a unha das medidas que anunciou no pasado debate sobre o estado da provincia. En total foron 14 iniciativas, centradas nos ámbitos de medio ambiente, cultura, turismo e deporte, sectores estratéxicos, emprendemento, universidade, administración e interacción co cidadán,

Desenvolvemento sostible

O Grupo Arrate valora o apoio do presidente Baltar como un acerto político, de visión de futuro, impulsando un proxecto capital para desenvolvemento sostible de Ourense. A estratexia do Grupo Arrate, en plena expansión, pasa por unha aposta pola innovación que permita acadar os obxectivos de transición enerxética nos territorios onde opera, apostando polo desenvolvemento de proxectos de I+D+i como poden ser a hibridación enerxética por fontes renovables e a produción de bioenerxía e hidróxeno verde.

Segundo o xerente de Grupo, Joaquín Sanz López, "nesta fase de expansión, Ourense é unha aposta do Grupo como punto de partida en Galicia para a implantación de proxectos de economía circular, que ademais de innovación, crecemento económico e mellora do impacto ambiental na zona, proporcionan unha solución para a xestión dos residuos orgánicos, en liña có obxectivo da Unión Europea".

A provincia de Ourense, en concreto a Comarca da Limia, acolle a maior concentración de explotacións agrogandeiras e é unha das zonas con maior superficie cultivable de Galicia, con 20.000 hectáreas cultivadas, aproximadamente.