A Deputación prepara un dispositivo para coordinar a resposta dos concellos ourensáns ante a crise humanitaria de Ucraína

0 Fachada Deputacin OU
A Deputación prepara un dispositivo para coordinar a resposta dos concellos ourensáns ante a crise humanitaria de Ucraína

A Deputación informará nas próximas horas a todos os concellos do dispositivo elaborado pola Área de Benestar. Nesta labor de coordinación e mediación tamén habilita un correo electrónico e un teléfono de contacto

A Deputación de Ourense está a preparar un dispositivo para coordinar a resposta dos concellos ourensáns ante a crise humanitaria de Ucraína. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, sinala que “nos poñemos á disposición dos concellos da provincia -dalgúns xa coñecemos as súas iniciativas- para coordinar a súa capacidade de resposta no referido a espazos, voluntarios, comida ou asistencia humanitaria”.

Manuel Baltar remarca o tradicional rol coordinador e mediador da Deputación de Ourense, aspecto clave nun momento crítico coma este. “Ofrecemos a nosa solidariedade: queremos evitar asincronismos, favorecendo sinerxías entre administracións, oenegués, tecido asociativo e os propios veciños”, sinala o presidente da Deputación, avanzando o dispositivo que está a perfilar a Área de Benestar do goberno provincial: “Apostamos por centralizar a resposta de Ourense, cunha relación de locais, persoal, material… todo o que os concellos estean en disposición de ofrecer para empregalo nun momento tan triste como este, tan dramático, pero no que debemos dar a mellor versión de nós mesmos”.

A Deputación habilita un correo electrónico (ourenseconucrania@depourense.es) e o teléfono 988 317 772 para atender e centralizar a información referida á atención da crise humanitaria que está padecendo o pobo ucraíno. Nas vindeiras horas enviará unha carta aos 92 concellos da provincia, explicando polo miúdo o dispositivo que se porá a disposición dos municipios.