A Deputación promove crear cooperativas dedicadas a producir flores e hortalizas

flor 1
A Deputación promove crear cooperativas dedicadas a producir flores e hortalizas

Poderán participar Lobios, Bande e Trasmiras

O proxecto co que traballa o ente provincial é crear emprego no rural a base de cultivos de flores e hortalizas de explotacións individuais ou en común. Trataríase de crear cooperativas de entre catro e seis persoas que acheguen cada un uns 5.000 metros de terreo. Deberán constituírse en asociación traballando conxuntamente os terreos e permitindo así organizar quendas de traballo e días libres. Estes traballadores plantarán flores e hortalizas seguindo un modelo de explotación diversificado. Isto permite unha maior estabilidade nos ingresos anuais ó facer unha plantación seguida ó longo dun ano aproveitando mellor os recursos agrarios.

O grupo seguiría as pautas de cultivo marcadas por Hortoflor 2, de quen parte a iniciativa, para obter un traballo máis profesional e organizado. Esta sociedade cooperativa dedícase a producir, vender e comercializar flores cortadas e produtos de horta que proceden das explotacións dos seus socios.

O presidente da Deputación reuniuse cos alcaldes de sete concellos para explicarlles o proxecto, entre eles atópase o de Lobios, Bande e o de Trasmiras. Na xuntanza, Manuel Baltar informoulles que esta iniciativa está dirixida a mozos, parados de longa duración, persoas discapacitadas ou maiores de 45 que perderan o seu emprego a causa da crise.