UN DESFILE DE EXALTACIÓN DO ENTROIDO PERCORRERÁ AS RÚAS OURENSÁS

290419 RP Desfile entroido
UN DESFILE DE EXALTACIÓN DO ENTROIDO PERCORRERÁ AS RÚAS OURENSÁS

Estarán presentes as "Pantallas" de Xinzo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participaron hoxe na presentación da primeira edición do Desfile dos entroidos tradicionais de Galicia en Ourense, unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Turismo co obxecto de divulgar a riqueza etnográfica e cultural do Entroido de Galicia entre o público galego e nacional que visita a cidade das Burgas. O desenvolvemento do pasarrúas, o sábado día 4 de maio, coinci290419 RP desfile Entroido2dirá coa fin de semana festiva na que se celebra a tradicional Festa dos Maios, declarada de interese turístico.
O desfile contará coa participación de máis de 300 participantes en representación dos Entroidos cualificados de Festa de Interese Turístico, entre eles o único declarado de interese internacional (Xinzo de Limia, Manzaneda, Vilaboa, Verín e Xenerais da Ulla) e outros entroidos convidados dentro dos moitos carnavais que enriquecen a memoria de Galicia e forman parte do noso patrimonio. Nesta primeira edición participarán os Volantes de Chantada, as Bonitas de Sande de Cartelle, os Vergalleiros de Sarreaus, as máscaras do Entroido de Samede (Paderne-Vigo) e os Galos da Mezquita (A Merca).

Díaz Mouteira subliñou que se trata “dunha oportunidade única para coñecer os diferentes entroidos galegos, reunidos para amosar os seus personaxes máis característicos”. A representante do Goberno galego explicou que “Ourense presume, con razón, de ser a provincia co mellor carnaval galego, e aproveitando estes días festivos queremos poñer en valor unha das maiores riquezas do noso patrimonio etnográfico e amosar a variedade desta tradición aos turistas que estes días se achegan a coñecernos, co obxectivo de espertar a súa curiosidade respecto a esta tradición e que o ano que vén se animen a vivir intensamente o entroido galego”.

O desfile dará comezo as 12:30h con saída e chegada a Praza Maior de Ourense. Os distintos personaxes e máscaras do entroido galego percorrerán as rúas Lamas Carvajal, praza Santa Eufemia, Juan de Austria, Lepanto, praza do Ferro, Santo Domingo, Parque de San Lázaro, Paseo, de novo Lamas Carvajal para rematar na Praza Maior.

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística deu conta doutras dúas actividades culturais que chegan á Cidade das Burgas durante o mes de maio: “O coñecido grupo A Roda ofrecerá un concerto o día 4, nos xardíns do Padre Feijoo, a partir das 20:00 horas, e a mostra 'Antonio Fraguas, memoria dun soño' poderá visitarse, do 1 ao 15 no vestíbulo do Auditorio Municipal, na segunda das 12 paradas que fará por Galicia o proxecto itinerante conmemorativo das Letras Galegas 2019”.