DÍAZ MOUTEIRA SÚMASE AO PROXECTO DA FEDERACIÓN DE ANPAS DE OURENSE A PROL DAS ESCOLAS LIBRES DE VIOLENCIA DE XÉNERO

311019 Proxecto Igualdade FAPA
DÍAZ MOUTEIRA SÚMASE AO PROXECTO DA FEDERACIÓN DE ANPAS DE OURENSE A PROL DAS ESCOLAS LIBRES DE VIOLENCIA DE XÉNERO

A Federación provincial de Anpas foi unha das 18 beneficiarias das axudas da Secretaría Xeral da Igualdade

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe nunha das actividades enmarcadas no proxecto Escolas libres de Violencia machista: Educando en valores, educando en igualdade promovido pola Federación provincial de Anpas de Ourense (FAPA) ao abeiro da liña de axudas da Secretaria Xeral da Igualdade destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas en marcha polas Asociacións de Nais e Pais ourensás (Anpas).

Díaz Mouteira foi entrevistada nun programa de radio en formato Podcast, que a FAPA Ourense compartirá a través da súa web e redes sociais, xunto coas realizadas a outras personalidades da sociedade ourensá e profesionais involucrados na eliminación da discriminación sexual e do machismo. Esta é unhas das moitas actividades incluídas no proxecto que ten como base atender a necesidade da coeducación e de prevención, indispensable para lograr mudar actitudes e condutas no conxunto da comunidade escolar, dentro e fóra das aulas.

O proxecto complétase con exposicións, vídeos promocionais, obradoiros formativos e a realización dunha enquisa entre familias e alumnado de 12 centros públicos da provincia para coñcer as actitudes e valores respecto das relacións de xénero no seu entorno.

311019 proxecto FAPA Igualdade1A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou que “a Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero”.
O VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades de homes e mulleres 2017-2020 e o primeiro Plan de acción para a igualdade nos centros educativos foron analizados na entrevista realizada á delegada territorial. Ademais, Marisol Díaz fixo un repaso polos principais indicadores sobre violencia de xénero en Galicia durante o pasado ano e indicou que por provincias Ourense é a segunda onde os xulgados ditaron máis ordes de protección (533), mentres que canto ás denuncias é unha das que menos recibiu no conxunto de Galicia (806).
Na provincia ourensá, ao abeiro destas achegas da Vicepresidencia, vanse financiar un total de 18 programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarias, ás familias, ás Anpas e á comunidade educativa. Esta liña de axudas inscríbese no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e constitúe a primeira convocatoria destinada as Asociacións de Nais e Pais.