Segundo afirma nunha nota de prensa, o goberno local de Xinzo de Limia aproveita unha obra totalmente innecesaria para porse de lado ante as clamorosas demandas dos veciños e veciñas da vila ó atrasar o urxente e necesario debate sobre o vergoñento proxecto arboricida que o PP pretende executar na avenida de Celanova. E o fai escudándose nunha obra –a reforma do salón de plenos da Casa do Concello– que, para colmo, adxudicou a dedo por mais de 38.000 euros a unha empresa do entorno do PP.
Os populares están encaprichados coa tala masiva a pesar de que a meirande parte dos veciños e veciñas da vila reclaman unha reforma que non afecte dunha forma tan perxudicial ó patrimonio natural mais relevante do concello. Sen embargo, o perentorio debate da moción conxunta presentada pola oposición, na que lle esixen ao grupo de goberno que se posicione en contra da tala indiscriminada, está a ser atrasado deliberadamente porque o goberno local inutilizou o salón de plenos cunhas obras de reforma innecesarias, que foron adxudicadas por 38.187 € mediante un procedemento negociado sen publicidade –e dicir, a dedo– á empresa ‘Anquín Torre SL’, do entorno do PP. Unha vez mais, todo queda na casa.
O pasado 27 de abril celebrouse un pleno extraordinario e urxente, na sala na que se convocan habitualmente as comisións, no que unicamente se tratou o plan económico-financieiro pola desviación da regra de gasto de 2016, xa que a alcaldía se negou a introducir na orde do día a moción sobre tala, que aínda non ten data para o seu debate. Mentres, a Xunta segue a traballar con presa e sen pausa para materializar o atentado contra o patrimonio natural.
A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo, Elvira Lama, destaca que o debate sobre a reforma da avenida de Celanova “sí que é urxente e necesario porque ten a meirande parte da vila en pé mentres que o salón de plenos foi remodelado hai 14 ou 15 anos con madeira nobre e na actualidade non precisa de cambio algún porque está en perfectas condicións”. “A vila volveu perder habitantes e nas próximas eleccións locais imos pasar de 17 a 13 concelleiros, así que non se necesita unha maior bancada para a corporación municipal, que é do que fundamentalmente trata a reforma do salón de plenos”, asegura.
Lama cree que “hai intereses escuros do alcalde” para atrasar o debate sobre un arboricidio que ninguén quere salvo o PP. “O alcalde desenténdese porque non a vai pagar pero está claro que el tivo que reclamar esa obra á Xunta de Galicia”, asevera. A concelleira e deputada provincial reclama o debate inmediato da moción conxunta presentada por todos os grupos da oposición, na que se esixe ó grupo de goberno que se posicione en contra da tala indiscriminada de árbores, debido á alarma social xerada.
A iniciativa que o goberno local quere evitar sinala que o proxecto de remodelación impulsado directamente pola consellería contempla a tala de 56 árbores, o que “a todas luces supón un atentado contra a humanización do entorno e contra o patrimonio común”. Lama insiste en que “non se trata de paralizar a remodelación, xa que dende os socialistas non estamos en contra de que se acometa esta reforma necesaria mais si que nos opoñemos a que a obra se a faga a costa de atacar sen sentido o medio natural mais singular”.