Os emigrantes retornados de Ourense maniféstanse na praza Carlos Casares de Xinzo

Os emigrantes retornados de Ourense maniféstanse na praza Carlos Casares de Xinzo

A plataforma saiu á rúa para protestar contra as políticas do ministro Montoro

Os emigrantes retornados da provincia de Ourense seguen coa súa loita. Desta volta escolleron o centro de Xinzo de Limia para continuar coas súas reivindicacións.Fixeron unha concentración na praza limiá Carlos Casares. Reclaman igualdade co resto de pensionistas que non emigraron.

"Logo de ter que marchar e levantar este país nos anos 60 que había moita miseria, agora estes gobernantes así nolo pagan que temos que facer a declaración da renda dende os 11.200 € e non dende os 22 mil € como o resto de persoas que non emigraron", sinala Ana María González, voceira da Plataforma de Emigrantes retornados de Ourense. Apunta que ó ano deben pagar un 23% máis, o que eleva a cifra a 4000€ a pagar a final de ano. Sinala a voceira, que esta situación é complicada pois para aforrar esa contía teñen que pasar moitas dificultades. Mantén Ana María que as forzas non van a menos pese as súas idades avanzadas, e que seguirán loitando como o levan facendo dende hai xa dous anos.

Moitos dos afectados apuntan que nunca lles advertiran que tiñan que declarar as pensións que recibían do estranxeiro, a pesares de que preguntaron en moitas ocasións, ata que lles chegou o aviso de que senón pagaban, o seguinte paso, o embargo.

Os afectados critican que a nova lei do ministro Cristobal Montoro trátaos de maneira inxusta. Séntense "perseguidos económicamente" polo actual goberno. Así, seguirán coas súas reinvindicacións por toda a provincia. O vindeiro 3 de outubro chegarán a Muiños coa súa protesta.

Mañá os presidentes das plataformas de emigrantes retornados de toda España acudirán a Madrid na busca de solucións inmediatas.