As empresas da Limia terán unha nova ferramenta de axuda a exportación

Rosendo Fernández na presentación do Sistema de Feiras Virtuais
As empresas da Limia terán unha nova ferramenta de axuda a exportación

Esta iniciativa, enmarcada no programa ExportOU, foi presentada hoxe polo vicepresidente da Deputación de Ourense, o vicepresidente da CEO, e o profesor Jesús Albizu, especialista no deseño de programas relacionados coa internacionalización das empresas

A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) dan un paso máis no apoio á internacionalización das empresas ourensás cunha nova ferramenta, no marco do programa ExportOU, que consiste nun Sistema de Feiras Comerciais Virtuais co fin de ofrecer unha solución tecnolóxica abordable, para mellorar a súa presenza comercial internacional e a captación de clientes e distribuidores estranxeiros de maneira sinxela e accesible. A presentación desta nova proposta tecnolóxica tivo lugar hoxe na sede da CEO, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o vicepresidente da CEO, Alejandro Cruz; e o profesor Jesús Albizu, asesor e especialista en deseño de programas relacionados coa internacionalización das empresas, especialmente para pemes, e que desenvolveu programas para impulsar programas de exportación en 21 países de Europa, América, Asia e África.

Rosendo Fernández lembrou que no pasado mes de marzo o presidente da Deputación de Ourense e o presidente da CEO asinaron un convenio de colaboración para desenvolver un plan de aceleración e reforzo intelixente para a internacionalización das empresas ourensás, no marco da iniciativa ExportOU, e “xa se informara de que a “Oficina Virtual” de apoio á internacionalización levará a cabo o mantemento e mellora da plataforma ExportOU, que contaría tamén cunha nova sección de “Feiras Virtuais”. “Con esta iniciativa fortalecemos o Programa ExportOU para beneficio das empresas de Ourense, nun mundo globalizado onde é difícil competir”, afirmou Rosendo Fernández.

O vicepresidente da CEO incidiu na “aposta decidida” da entidade pola internacionalización do empresariado da provincia, a través de programas de formación específica e a organización de misións comerciais inversas que posibilitaron o establecemento de negocios para moitas das empresas participantes con outras de Europa, África, Asia e América.

Jesús Albizu, Rosendo Fernández, Alejandro Cruz e Jaime PereiraO profesor Albizu explicou o funcionamento desta ferramenta e destacou que as “feiras virtuais” “funcionan como reforzo á presenza internacional, posibilitando que o encontro entre empresas interesadas en vender e os potenciais clientes se produza a baixo custe nunha plataforma accesible en Internet”.

O Sistema de Feiras Virtuais, que o profesor Albizu cualificou como “tren do futuro”, revoluciona o ámbito da exportación comercial. Explicou que o feito de que o encontro se poida producir dunha maneira virtual “permite multiplicar os esforzos comerciais sen o custe engadido das viaxes aos países de destino nos que se quere presentar o produto e captar empresas interesadas”. Aínda así, matizou que se trata “dun complemento, non dunha substitución, é dicir, non se pretende prescindir de feiras ou misións, senón de apoialas e multiplicalas mediante accións máis económicas, máis numerosas e máis fáciles de organizar”.

Funcionamento do sistema

O Sistema de Feiras Virtuais consiste en invitar a potenciais clientes, axentes ou distribuidores a que visiten unha “feira virtual” na que estean presentes as empresas interesadas, cada unha delas con seu stand personalizado, no que presenta a empresa e a súa oferta de produtos a través dun vídeo. Deste modo, os visitantes virtuais poden percorrer a feira e establecer comunicación, interacción e contacto con cada unha das empresas presentes.

A través desta ferramenta as pemes ourensás poden “avanzar e crecer, ser visibles, e comunicarse cos potenciais clientes”, sinalou Jesús Albizu, quen salientou que a novidade deste servizo é que toda esa información “axudará en misións inversas e directas e nas presentacións sectoriais”. “Trátase de ofrecer medios que, a baixo custe, lles permita ás pequenas empresas ourensás estar onde están os seus potenciais clientes”, engadiu o profesor.