Os encoros como motores económicos dos concellos

Rosendo Fernández na súa intervención no I Congreso sobre o encoro como motor económico do territorio
Os encoros como motores económicos dos concellos

Rosendo Fernández expuxo os proxectos que se desenvolven na provincia de Ourense sobre turismo, termalismo e deportes náuticos

O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou hoxe na localidade de Castuera (Badaxoz) no I Congreso sobre “O encoro como motor económico do territorio”, que organiza a Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e encoros da que forman parte 38 concellos ourensáns. O evento reúne a municipios rurais afectados por encoros, administracións públicas e empresas e profesionais que fan uso dos encoros para desenvolver actividades de turismo activo e de interior, ten como obxectivo favorecer o intercambio de experiencias entre administración local me empresas, é impulsar políticas de desenvolvemento dos territorios rurais que se atopan arredor dos encoros.

Rosendo Fernández participou na mesa redonda sobre a importancia da transversalidade nos movementos e asociacións municipalistas rurais, onde expuxo os proxectos que apoia Deputación na provincia de Ourense referidos a turismo, termalismo e deportes náuticos, “aproveitando a idoneidade das augas ourensás para combinar a práctica de disciplinas deportivas como o remo ou o piragüismo co ámbito termal e co turismo de natureza”, sinalou o vicepresidente.

No relatorio, no que tamén participou o presidente da Deputación de Huesca; o presidente de esMontañas; e a alcaldesa de Montoro, Rosendo Fernández dixo que os encoros permitiron na provincia de Ourense “impulsar unha vertente turística, deportiva e lúdica do uso da auga”, e citou entre outros exemplos as competicións de piragüismo que teñen como escenario a provincia; o desenvolvemento turístico da Ribeira Sacra e os canóns do Sil, cos percorridos en catamarán; ou o centro de alto rendemento deportivo instalado en Laias para seleccións nacionais de remo e piragüismo.

A Deputación de Ourense, engadiu Rosendo Fernández, apoiou o labor municipalista “na defensa dos lexítimos intereses dos pequenos núcleos rurais”, citando como exemplo que xunto con Huesca, Lleida e Zamora “impulsamos a Federación Nacional de Asociacións e Municipios con centrais hidroeléctricas e encoros”, e defendeu o papel da Deputación de Ourense como “defensora e apoio dos pequenos concellos”, sinalando algúns dos servizos que presta, como a recadación, o ciclo da auga, a recollida de residuos ou mesmo a rede provincial de canceiras.

As xornadas técnicas desenvolveranse hoxe e mañá cun programa con temas medioambientais, turismo rural e deportes de aventura, así como debates sobre a lexislación ambiental das diferentes comunidades autónomas e a necesidade de harmonizar a mesma. “Trátase dun congreso de gran relevancia para a provincia de Ourense, que ten excelentes condicións hidrográficas e que conta con 30 encoros, 21 centrais hidroeléctricas e ao redor de 2.000.000 de quilowatios de potencia instalada, polo que é importante que a Deputación de Ourense participe nestas xornadas para debater sobre a importancia do retorno económico que a actividade hidroeléctrica ten para os concellos”, explicou Rosendo Fernández.