Escenario crítico para a agricultura e gandería limianas

Tractorada 2022
Escenario crítico para a agricultura e gandería limianas

O sector pide ao Goberno medidas efectivas que permitan afrontar os custos de producción

Hai pouco máis dun mes trescentos tractores colapsaron Xinzo para esixir axudas ao campo e á gandería da Limia. Entón esixían o mesmo que esixen agora e que non viron cumprido: que a Administración aplique medidas que lles permitan paliar o aumento dos custos de produción. O colectivo Unións Agrarias maniféstao ben claro: gandeiros e agricultores limianos non se están beneficiando da bonificación aos combustibles aprobada polo Goberno central.

O sector está ao límite. Nun mes e medio o panorama non cambiou moito, sen ver a luz ao final do túnel. Subiu todo, sementes, abonos e fertilizantes, ao que hai que sumar a subida dos combustibles e o prezo da luz. Non é o único –xa de seu, grave– que fai que o mundo agrogandeiro limiano estea na corda frouxa. Amador Díaz Penín, presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia, fala das “enormes dificultades de produción”, cuns custos que se multiplicaron por tres –ou máis– en relación a anos anteriores.

O sector está ao límite

Unións Agrarias, a Asociación de Produtores de Pataca da Limia, o Sindicato Labrego Galego, a Federación Rural Galega ( Fruga) e Adegal (Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia) reuníronse o martes co subdelegado do Goberno en Ourense para falar da crise de rendibilidade “sen precedentes” que afecta ó sector primario. Un problema que ademais, pode lastrar a substitución xeracional das explotacións, di Amador Díaz. Unha substitución que, felizmente, na Limia si existe; ou existía, polo menos ata o de agora.

Amador Díaz, como presidente da asoc. de produtores de pataca
Amador Díaz, como presidente da asoc. de produtores de pataca

Os profesionais do campo e da gandeiría seguen reivindicando ante as administracións –central e autonómica- un gasóleo profesional libre de impostos para o sector e a aplicación de bonificacións á enerxía para as explotacións agrogandeiras e comunidades de regadores. “Os vinte céntimos de bonificación do gasóleo, ademais de non supoñer nada para o agricultor ou o gandeiro, ao final estano absorbendo as operadoras, as compañías”, explica Díaz.

O representante dos produtores de pataca da Limia fai fincapé na importancia de aplicar a Lei da Cadea Alimentaria, que busca unha relación máis xusta entre agricultores, gandeiros, industria e distribución, e “que nunca se venda por baixo do custo de produción, como xa pasou nalgunha ocasión”. Refire igualmente que os produtos provenientes de terceiros países deben cumprir “as mesmas normas de control” aos que están sometidos os produtos da Unión Europea. En caso contrario, o deixamento na inspección e sanción favorece “unha competencia desleal” que prexudica ao sector primario. Produtos que entran, ademais, sen garantías de trazabilidade nin esixencias de seguridade alimentaria, como Marrocos ou Israel.

Igualmente, a organización aproveitou a reunión do martes para pedir ao Goberno que impulse unha fiscalidade máis xusta, acorde á situación actual que atravesan os produtores, mediante a condonación dos pagos á Seguridade Social durante polo menos un ano a agricultores e gandeiros por conta propia e allea, a bonificación dos intereses e a moratoria de polo menos dous anos nos préstamos das explotacións agrogandeiras, así como a aplicación dun módulo cero a todas as actividades agrogandeiras.