As escolas infantís xa contan cun portal de internet con recursos

200520 blog Escolas infantis
As escolas infantís xa contan cun portal de internet con recursos

Esta ferramenta permite que as nenas e nenos de 0 a 3 anos teñan material educativo que dea continuidade ás dinámicas das escolas infantís da Rede Autonómica

Coincidindo co inicio do confinamento a Xunta de Galicia puxo en marcha o blog A escola infantil na casa que achega contidos e actividades ás familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos co obxectivo de dar continuidade ás dinámicas das escolas infantís da Rede Autonómica.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, quixo poñer en valor o traballo que están a realizar os profesionais das 27 escolas infantís que o Goberno galego dispón na provincia para xerar material educativo que permita ás familias acompañar aos máis pequenos en xogos educativos que, ao mesmo tempo que entreteñen aos seus fillo, dean continuidade ás dinámicas que se levan a cabo dentro das escolas infantís. Con este fin, Díaz Mouteira xunto coa xefa territorial da Consellería de Política Social, María José Fernández Laso, mantivo unha videoconferencia con persoal de varios centros da rede autonómica.

78.000 visualizacións

Marisol Díaz expresou o seu recoñecemento aos profesionais que traballan nas escolas infantís nesta iniciativa de gran utilidade para as familias nesta época de confinamento.´Proba do seu bo traballo e do éxito do blog é a cifra de 78.000 visualizacións que ata o día de hoxe se levan rexistradas nos 492 vídeos publicados. Ademais , publicáronse 469 vídeos no canal de Youtube que conta cun total de 108.682 visualizacións.

A estas actividades didácticas teñen acceso todas as nenas e nenos de Galicia, non só aqueles matriculados nalgunha das escolas infantís autonómicas no enderezo electrónico: https://www.escolasinfantisdegalicia.es/aescolainfantilnacasa/. O acceso libre e aberto para todas as familias galegas ten un dobre obxectivo, por un lado avanzar no proceso educativo dos cativos, ao tempo que sirve para que as nais e os pais coñezan de primeira man o traballo que se desenvolve nas escolas infantís da Xunta.

O blog conta cun banco de recursos divididos en tres epígrafes: recursos para os nenos, acompañamento ás familias e compartindo estratexias cos equipos. Ademais, tamén ten un canal de Youtube, onde se poderán seguir as diferentes tarefas a través dun vídeo explicativo.

A representante do Goberno galego lembrou que esta iniciativa foi eloxiada por Unicef Galicia o mesmo día do seu lanzamento. Por iso, animou a que todos os profesionais sigan a traballar na elaboración de novos materiais que continúen a achegar novidades canto a contidos e permitan manter este fío condutor entre as escolas e as familias.

200520 blog escolas infantis1

Prazo matrícula aberto

No transcurso da videoconferencia, ademais, tamén se abordaron cuestións relacionadas coa preparación do novo curso á espera de que o Goberno central fixe uns criterios claros sobre os prazos e condicións para a reapertura destes centros.

Díaz Mouteira lembrou que ata o vindeiro día 29 de maio está aberto o prazo de inscrición para o curso que vén 2020/21 nestas escolas públicas autonómicas e nas prazas públicas concertadas en escolas infantís de iniciativa privada. A presentación das solicitudes realizarase preferentemente de maneira telemática a través dos formularios dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No vindeiro curso haberá dúas grandes novidades. En primeiro lugar, este será o primeiro curso completo no que se aplique a gratuidade para segundos fillos e sucesivos na atención educativa. En segundo lugar, en cada unha das sete principais cidades de Galicia polo menos unha escola infantil pública autonómica ampliará o seu horario de apertura ata as oito da tarde, co fin de mellorar a conciliación das familias.