A Estación intermodal de autobuses de Ourense entrou hoxe en funcionamento

20200206 EA intermodal Ourense 1
A Estación intermodal de autobuses de Ourense entrou hoxe en funcionamento

Ourense convértese hoxe na primeira cidade galega na que os viaxeiros poden transbordar directamente entre o autobús e o tren “en 30 segundos”, cunha “intermodalidade plena” nun único emprazamento e ao mesmo nivel

Operará nas súas instalacións un total de 102 liñas de autobús autonómicas e outras 10 nacionais e internacionais.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que a posta en servizo da nova estación de autobuses de Ourense “abre o tempo da intermodalidade en Galicia”, grazas a un investimento da Xunta de 9 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou hoxe o inicio da actividade dos servizos de transporte público por estrada desde a nova terminal de autobuses, onde aínda continuarán os traballos de execución do aparcadoiro subterráneo, de urbanización e de integración na contorna.

20200206 EA intermodal Ourense 4

Ourense convértese hoxe, dixo, na primeira cidade galega na que os viaxeiros poden transbordar entre o autobús e o tren de forma directa, “en 30 segundos”, sen desprazarse pola urbe e “sen subir sequera unhas escaleiras mecánicas”, dispoñendo dunha “intermodalidade plena”, ao mesmo nivel e nun mesmo emprazamento, entre o ferrocarril e o autocar. Así, subliñou, “a de Ourense é a máis intermodal de todas as intermodais galegas”

.A nova estación de autobuses de Ourense, con máis de 7.300 m², 16 dársenas para autocares e un edificio de viaxeiros de máis de 700 m², ponse en servizo coa previsión de albergar case 80.000 expedicións e 400.000 viaxeiros ao ano. Nas súas instalacións operará un total de 102 liñas de autobús autonómicas e outras 10 nacionais e internacionais

Ethel Vázquez lamentou que o inicio do funcionamento da terminal de autobuses da estación intermodal de Ourense se produza sen que aínda teña chegado o AVE a Galicia e sen que exista unha data certa na que o fará. Ao mesmo tempo denunciou a “negativa rotunda” do Goberno de España a dialogar con Ourense sobre o proxecto de reforma ferroviaria, que xera inquedanza e preocupación na cidade.

Lembrou que a Xunta leva moito tempo solicitando que se convoque a comisión de seguimento da estación intermodal de Ourense, sen ter resposta,” e considerou agora máis urxente que se celebre ese encontro tras a aprobación do estudo informativo do proxecto de reforma ferroviaria.