A fundación Curros Enriquez inicia unhas visitas destinadas ós nenos polo mosteiro de Celanova

visitas celanova
A fundación Curros Enriquez inicia unhas visitas destinadas ós nenos polo mosteiro de Celanova

Seguimos os pasos de San Rosendo para coñecer cómo se vivía no mosteiro de Celanova

A Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova poñen en marcha unha nova iniciativa relacionada co Mosteiro de San Salvador de Celanova cuns novos destinatarios: os máis pequenos.

A partir do 14 de xullo, todos os venres de xullo e agosto, ás 11:30 partirá da oficina de turismo esta nova visita de carácter gratuíto.

Cunha duración aproximada dunha hora o aforo será de 20 nenos como máximo.

Seguindo os pasos do fundador, San Rosendo, remitirémonos os seus tempos, fai máis de 1.100 anos, para coñecer o uso que se lle daba as dependencias que actualmente teñen acceso desde o claustro barroco como a cociña, o refectorio, a horta da Capela de San Miguel e a igrexa. Da man dun dos guías da Fundación Curros Enríquez ou da oficina de turismo iremos coñecendo o uso actual e o orixinal destes espazos atopándonos neles unha pequena simulación da man da personaxe de San Rosendo, que ademáis de abade foi tamén un simple monxe en Celanova.

Tras varias iniciativas que están obtendo excelentes resultados, como son o programa escolar \“Ven coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio\”, as visitas teatralizadas nocturnas polo Mosteiro e por Vilanova dos Infantes ou os micro concertos de órgano para grupos concertados, prantexouse xa desde principios deste ano a posibilidade de ampliar os destinatarios das visitas organizadas pola vila de Celanova e arredores. Pensando nun primeiro momento en centros escolares de primaria que xa comezaron a solicitar a realización de visitas por Celanova, Castroamo e Vilanova dos Infantes a través da Fundación Curros Enríquez, xurde a idea de organizar unha visita centrada non tanto na parte artística do edificio senon na vida que tería en tempos anteriores á desamortización, cando os monxes habitaban, traballaban e daban vida a este mosteiro. Seguindo así o espíritu das actuais visitas teatralizadas pero sen o compoñente do diálogo entre personaxes e apostando por unha visita cun carácter máis didáctico.

Como nota, queremos agradecer a visita do CEIP de Sandiás que este ano realizou o programa escolar cun grupo de primaria e que foron os primeiros en participar na proba desta visita que agardamos se asente para formar parte desas iniciativas de promoción turística de Celanova nas que se están pondo tanta ilusión e esforzo.

Remitimos imaxes desa primeira \“proba\”.