O GDR Limia-Arnoia axudou a xerar 150 postos de traballo

o-xures-dende-a-pena-de-naman
O GDR Limia-Arnoia axudou a xerar 150 postos de traballo

A entidade apoiou case un centenar de proxectos no último período

Os fondos europeos tramitados polo Grupo de Desenvolvemento Local ( GDR) Limia Arnoia serviron para impulsar noventa e un proxectos nestas comarcas que, no seu conxunto, segundo manifestou o propio organismo, supuxeron un investimento de 3,5 millóns de euros no último período. Aínda que as axudas son variadas, todas teñen en común a loita contra o despoboamento, a proxección do patrimonio e a creación de emprego nas zonas rurais. Ao amparo destes programas conseguíronse xerar 150 postos de traballo. O salón de plenos de Xinzo acolleu a última reunión do grupo o venres 27 de maio, con representación de cada un dos concellos que compoñen a agrupación intermunicipal.

castic3b1eiro-centenario-da-fraga

Alí estaban alcaldes e delegados dos 25 municipios -das comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova- que integran o Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia, reunidos para renovar a cohesión do grupo de fronte ao próximo período oficial, o de 2023-2029. En principio serán os mesmos integrantes, xa que todos os presentes se mostraron de acordo en continuar e manifestaron a súa “satisfacción” polo funcionamento do organismo.

A reunión en Xinzo tamén serviu para facer balance dos últimos anos do Grupo de Desenvolvemento Local Limia Arnoia, que comezou a súa andaina en 2017. Gumersindo Lamas, alcalde de Sarreaus, seguirá de momento á fronte da agrupación e aproveitou a súa intervención para enxalzar o labor realizado polos técnicos ao longo deste tempo. Pola súa banda, Elvira Lamas, alcaldesa de Xinzo, manifestou a importancia dos GDR para poñer en valor o territorio e a creación de postos de traballo no rural.

Outra das necesidades que se expuxo durante o encontro foi desenvolver unha estratexia que permita un estudo minucioso dos recursos e as posibilidades de cada un dos territorios que integran o GDR Limia Arnoia, tan amplo como diferente. En calquera caso, reiterouse o mesmo obxectivo: as accións teñen que ir encamiñadas ao desenvolvemento de cada unha das zonas.

A reunión serviu para ratificar a importancia que ten o labor dos GDR a favor da dinamización do campo e tamén do emprendemento e da empregabilidade, facendo de verdadeiras “pontes” de comunicación entre a mocidade do rural e os empresarios ou emprendedores. É un dos obxectivos centrais da agrupación, xunto coa valorización do patrimonio natural e cultural e a mellora da capacidade de organización das respectivas comunidades.

A alcaldesa de Xinzo observou a posibilidade de constituír áreas de traballo entre concellos con máis similitudes e particularidades especiais. Pola súa banda, o alcalde de Quintela de Leirado, José Antonio Pérez Cortés, puxo o foco na necesidade de mellorar a comunicación por parte do GDR cos veciños e entidades municipais para que coñezan ao detalle a posibilidade de acceder ás axudas.

No encontro acordouse tamén a realización dun estudo detallado da superficie agraria útil abandoada no territorio do propio Grupo de Desenvolvemento Rural. Outra das cuestións expostas foi realizar un investimento dentro da agrupación para elaborar un Plan de Desenvolvemento Turístico para o Xeodestino Allariz-Maceda que inclúa tamén a Reserva da Biosfera.