A importancia de traballar con e para as persoas

A importancia de traballar con e para as persoas

"Cada mañá, de luns a venres, 27 persoas acoden ao Centro de Día Lodoselo... 27 persoas cunha longa historia de vida."

O Centro de Día "Lodoselo" é un espazo de vital importancia para as 27 persoas que acoden todos os días. Ás nove da mañá estas persoas son recollidas nos seus distintos domicilios (Freixo, Nocelo, Rabal, Atás, Solveira, Lamas, Cortegada....Aldeas dos concellos de Sarreaus, Trasmiras, Cualedro e Xinzo de Limia).

AS PROFESIONAIS DO CENTRO.

Ao chegar ao Centro, Helena, Sonia, Ada, Julia, Tamara, María e Saray, as profesionais, aténdenas e promoven a súa autonomía. Ademais, esfórzanse en crear un ambiente tranquilo con sons e tamén con cancións que case todos lembramos.

Ada, Helena e María, traballan concretamente para mellorar a funcionalidade de mans que agora tremen, pernas que están inflamadas pola "falta de rego", etc. Por outra banda, Saray, atende a estas persoas psicolóxicamente.

Sonia, Julia e Tamara son un apoio á hora de facer cousas como axudar a cortar a comida. Elas son a referencia para quen perde a orientación.

Neste centro resáltase a importancia de traballar coas persoas e para as persoas. Pois algún día todos necesitaremos de alguén que nos cuide.

A SABEDORÍA DOS COIDADOS DAS MULLERES.

Respecto a coidar, onte, luns 27 de xuño, tivo lugar en Lodoselo un obradoiro titulado “A sabedoría dos coidados das mulleres”. A actividade consistiu nun día de coidados para elas e entre elas, aprendendo unhas das outras. Estivo financiada pola Fundación Espadaña e a consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

A Concha, a Maruja, a Antonina, a Isabel, a Rosa, a Encarna, a Modesta, a Josefa, a Francisca, a Rosita, a Esther, a Josefa, a Natalia, a Sarai, a Silvia e a Lucía guiadas por Rocío sentáronse a falar e compartir vivencias; mulleres de xeracións e vidas moi diversas comentan: "fixémonos máis conscientes de que necesitamos coidarnos e amarnos máis e mellor".

Entre os temas tratados na conversas falaron das mulleres do rural que "saben moito de coidar e pouco de coidarse". Estes encontros son de grande importancia para compartir sen prexuízos.