IVÁN ROUCO CADIDATO DO PSDG-PSOE EN LOBIOS

Iván Rouco, candidato á alcaldía de Lobios
IVÁN ROUCO CADIDATO DO PSDG-PSOE EN LOBIOS

“É necesario deixar a un lado o abandono e o desleixo que vive o noso concello e comezar a traballar por un Lobios con futuro e oportunidades, estando sempre a carón da veciñanza e facendo partícipes os veciños da vida diaria do concello”

O PSdeG-PSOE de Lobios xa ten candidato para as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio. Iván Rouco encabezará unha lista renovada e chea de xente moza co obxectivo de acadar a alcaldía do municipio. Un candidato que se estrea en política e que aposta por estar a carón da veciñanza no día a día e por políticas enfocadas a mellorar a calidade de vida da xente.

O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Lobios destaca que se presenta a estas eleccións “co propósito de darlle a Lobios o cambio que tanto precisa”. Neste senso, subliña que “é necesario deixar a un lado o abandono e o desleixo que vive o noso concello e comezar a traballar por un Lobios con futuro e oportunidades, estando sempre a carón da veciñanza e facendo partícipes os veciños e as veciñas da vida diaria deste concello”.

Iván Rouco tamén fai fincapé en que “chegou o momento do cambio e de que Lobios comece unha nova etapa na que se fale de feitos e non de verbas baleiras”. O candidato socialista pon de manifesto a necesidade de “remar todos na mesma dirección cun único propósito, Lobios”.

Os e as socialistas de Lobios apostan por unha lista electoral na que a mocidade terá “o protagonismo que este concello tanto precisa”, xa que tal e como apuntan “estamos a falar dun dos municipios da Baixa Limia con máis mocidade, polo que temos que apostar por eles e darlles a oportunidade que nestes momentos non teñen. O obxectivo do PSdG-PSOE de Lobios “é que os mozos e mozas de Lobios poidan ter un proxecto de futuro no municipio en lugar de emigrar na procura de oportunidades”.

Para o novo candidato do PSdeG-PSOE, Iván Rouco, os dous eixes fundamentais polos que traballar e pelexar son a recuperación do dominio das augas termais do complexo termal de río Caldo e “establecer un proxecto de futuro para que convertelo no referente que o municipio precisa”. O outro eixe é o remate da autovía AG-31 dende Celanova ata a fronteira portuguesa, xa que tal e como apunta “é imprescindible para mellorar as conexións e para potenciar non só Lobios, senón o resto da comarca”.

O candidato socialista tamén salienta que traballará “para asentar poboación e para facilitarlle a vida á veciñanza, estando a carón deles, algo do que hoxe carecen da man do Partido Popular”. Tampouco se esquece dos maiores, “referentes do municipio” e os que segundo afirma “temos que coidar en mellores condicións, apostando por políticas sociais efectivos e por uns servizos dignos e que cubran a demanda da veciñanza”.