José Luis Álvarez López será o candidato do PSDG-PSOE en Bande

José Luís Álvarez, candidato á alcaldía de Bande
José Luis Álvarez López será o candidato do PSDG-PSOE en Bande

Co obxectivo de rematar con anos de “caciquismo” e “clientelismo” do PP.

O PSdeG-PSOE de Bande aposta por José Luís Álvarez López como candidato á alcaldía do municipio para as eleccións locais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio.

Álvarez repite por segunda vez ao fronte da candidatura socialista, tras quedar nas anteriores eleccións a menos de 200 votos de gañar a alcaldía. Os e as socialistas aspiran a dar un novo salto que lles permita gobernar o concello e rematar con anos de “clientelismo” e “caciquismo”.

O candidato sinala que nos últimos 4 anos “pouco mudou en Bande, un concello no que a día de hoxe todo segue máis ou menos igual, cunha poboación envellecida e cun municipio que perde cada ano máis habitantes”. José Luís Álvarez márcase como reto “traballar a prol da veciñanza, co obxectivo de aumentar os apoios necesarios para poder gobernar o municipio”, xa que tal e como apunta “nas eleccións de 2019 recibimos moitísimo apoio na vila, e agardamos que nesta ocasión tamén contemos co apoio dos veciños e veciñas do resto de parroquias para que Bande saia dunha vez por todas do pozo no que está sumido”. Álvarez López aproveita para mandar unha mensaxe de “esperanza” a toda a mocidade de Bande, especialmente a aqueles que non teñen traballo, e segundo destaca “o noxo obxectivo e crear novos postos de traballo, facer que a mocidade non teña que emigrar e fixar poboación para que Bande teña futuro”.

Neste senso tamén apunta que as actuais políticas de emprego do Partido Popular “consisten en realizar obradoiros, que non son máis que unha miseria comparado co que se podería facer para que a mocidade puidese ter un traballo digno no municipio”. O candidato á alcaldía de Bande polo PSdeG-PSOE tamén lanza unha mensaxe de “optimismo” a toda a xente maior do municipio, aos que lles traslada que “do caciquismo pódese saír e que conseguindo sacar o PP da alcaldía a veciñanza vai ter uns servizos dignos e un benestar esencial”.