Lamentamos a retirada das lonas con imaxes históricas do Entroido

333333
Lamentamos a retirada das lonas con imaxes históricas do Entroido

O BNG, únese ás críticas dos veciños

É verdadeiramente lamentábel que a estupenda iniciativa, aplaudida e alabada pola imensa maioría das veciñas e veciños, de colocar por diferentes puntos da vila fotografías en gran tamaño con escenas históricas do Entroido fora estragada, nesta ocasión, pola falla de dilixencia do goberno do PP á hora de tramitar os permisos oportunos e pola escasa capacidade analítica do principal grupo da oposición, máis preocupado neste caso en atacar ao Partido Popular e que vé pantasmas onde, ao mellor, non as hai.

Dende o goberno “popular” novamente reaccionan con covardía e prefiren dar marcha atrás nunha idea, esta vez si, positiva e interesante, escudándose no recurrente argumento de “non crear polémicas políticas”. Mágoa que en moitas outras ocasións denunciadas pola oposición non apliquen o mesmo criterio e manteñan contra vento e marea decisións polémicas, baseadas en argumentos febles e case sempre contrarias aos intereses da veciñanza.

Cómpre deixar claro que, dende o BNG, estamos comprometidos coa defensa a ultranza do noso patrimonio, mais neste caso resulta evidente que non estabamos diante dunha “agresión” a elementos catalogados xa que o hipotético impacto da colocación temporal dos cartaces era perfectamente asumíbel e, con case total seguridade, os técnicos de Patrimonio darían finalmente o permiso para a súa instalación.

Agardamos que para o vindeiro ano un goberno renovado poida chegar a tempo de poñer en marcha novamente esta e outras iniciativas de humanización da nosa vila, con todos os permisos e todas as medidas correctoras para minimizar os impactos que se poideran producir.