Un lecer saudable en familia

Sábados en familia-CDR O VISO
Un lecer saudable en familia
"Sábados en Familia" é unha actividade dirixida a toda persoa

Este sábado, 9 de abril, foi deses que permanecerán nun recuncho das nosas memorias polo moito que compartimos no sábado en familia máis intenso de cantos levamos: a Uxía e o Samuel, filla e pai, son unha combinación perfecta de enerxía, inquedanza, sabedoría e saber facer e leváronnos monte arriba no seu Vilar de Gomareite (Concello de Vilar de Barrio) nunha andaina que case pasa das tres horas.

cdr mosaico
Sábados en familia CDR O VISO

Tras eles fomos unhas vinte persoas máis coñecendo historias sobre a terra, descubrindo ducias de propiedades das herbas do noso monte explicadas polo Samuel, que recolle o saber da súa nai, que se forma e que investiga para manter vivo o saber ancestral.
Entre conversas tamén fomos descubrindo lugares con historia: o castro, o castelo, a poza do mouro...
Foi unha xornada na que fomos conscientes, unha vez máis, da riqueza paisaxística, natural e histórica da nosa comarca, e, sobre todo, do patrimonio da nosa boa xente, a que comparte camiños, saberes e historias propias sen mirar o reloxo e coa única pretensión de ser e estar.
Graciñas a cantas persoas participastes nesta xornada por facer posible un ocio saudable en familia.
E Graciñas a Uxía, a Samuel e a Herminia por eses doces deliciosos que tanto prestaron!

"Sábados en Familia" é unha actividade dirixida a toda persoa, financiada pola consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través da subvención con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto dobre a renda das persoas físicas dentro do programa “O noso espazo: encontros de familia, parentalidade positiva e actividades educativas” do CDR O VISO.