domingo. 02.04.2023

Lendas e mitos na noite do San Xoán

Un texto de Felipe Senén sobre a lenda da Lagoa de Antela e a noite de San Xoán.
Lagoa de Antela, 2014. PNOA cedido por Instituto Geográfico Nacional
Lagoa de Antela, 2014. PNOA cedido por Instituto Xeográfico Nacional

Onte celebrouse para moitos, unha das noites máis esperadas do ano, a noite do San Xoán. Esa festividade na que gran parte de Galicia arde polas diferentes fogueiras prendidas. Daquela, hoxe, o día de San Xoán recordamos mitos e lendas desa noite, entre eles, este texto de Felipe Senén.

" [...] Hoxe aquí pousaremos nas lagoas, nesas augas coutadas pola terra e a froresta e que poden dar nacemento a un río, [...] , outras encoradas artificialmente, cousa á que estaban afeitos os castrexos, ao pe dos seus asentamentos provocaron brañas de xuncos...

[...] O simbolismo mítico dos cataclismos acuáticos está no subconsciente colectivo universal dende a mesma prehistoria, sentimento recollido polos autores máis diversos, Varron, Eusebio de Cesarea, San Agostiño.... dende o "Diluvio Universal", como castigo polo pecado orixinal, entre outros castigos bíblicos polo lume como o de Sodoma. E xa non digamos a Atlántida da que da conta Platón e que tanto serviu de inspiración...a lenda céltica bretona arredor da Illa de Ys... Risco, como non, en Orden y Caos, exégesis de los mitos(1968) estuda o tema dos apocalispsis acuáticos como castigo por insolidariedade ou por tentar contra a natureza, esa palingenesia, catástrofe, ritual de purificación, anovación, sen faltar as hierofanías... inspiradora cultura...[...].

En Galiza abondan as lendas das lagoas: [...] A lagoa de Antela, chamada no pasado de Beón, na Limia baixa, orixe do "Río do Esquecemento", o Letheo que dicían na Antigüidade, grande lago que é atractivo lugar por todo amante da xeografía e mesmo da Arqueoloxía, ate que, a partir dos anos sesenta do século pasado foi desecada,entón habitada por cisnes boreais, por ras, zamezugas e sañudos cínifes e cuberta de lendas, algunhas contadas por Taboada Chivite, como a que fala da pagán cidade fundada por Anfiloco e que tiña como totem o galo... Dise que alí estaba a cidade de Antioquía, outros que era a de Lucerna, a que pola súa avaricia foi castigada e asolagada.

Mesmo se conta que os soldados do Rei Arturo, Carlomagno ou Roldán foron encantados e convertidos en cínifes, que seguen a esperar a volta do seu señor.

[...] Na noite do San Xoán quen teña algo de poesía dis que aínda pode escoitar o tanxer das campás desas cidades asolagadas.

Outras lendas falan dunha princesa-ra....e que a fermosa Inés de Castro que se di nacida na torre de Sandiás pasea como fantasma nos días de néboa sobre a lagoa de Antela [...] "