A Limia continúa libre da couza guatemalteca

IMG_8208
A Limia continúa libre da couza guatemalteca

Técnicos da Xunta reúnense en Xinzo con alcaldes e produtores para informar sobre a couza guatemalteca

Na mañá de hoxe tiveron lugar dúas reunións cuns protagonistas comúns: os técnicos da Consellería de Medio Rural e a couza guatemalteca.

Arredor das 12:30 horas comezou a xuntanza entre os técnicos da Xunta e os produtores –con especial presenza dos membros da Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia–. Tratábase, segundo informaba no día de onte a este medio o deputado antelán Carlos Gómez, dunha reunión informativa, co obxectivo de "tranquilizar aos produtores".

pleno3

Logo desta reunión tivo lugar outra na que tamén estaban presentes a práctica totalidade dos alcaldes da comarca da Limia e outros veciños interesados. Esta xuntanza celebrouse no Auditorio da Casa da Cultura de Xinzo. No escenario atopábanse os técnicos que, acompañados polo Xefe Territorial da Consellería de Medio Rural da Provincia de Ourense, Yago Borrajo Sánchez, procuraron tranquilizar aos limiaos sobre a coñecida praga da couza guatemalteca.

Segundo informaron, esta só se alimenta de patacas, non da folla. Así mesmo, reprodúcese con facilidade facendo a posta dos ovos na terra, moi preto da pataca ou no seu interior. Para sobreviviren precisan de altas temperaturas e humidade. Por debaixo dos 6ºC morren. Son as larvas as que se introducen directamente na pataca e por iso é tan complexo combatila dende o exterior.

Para tranquilizar aos presentes afirmando que "a Limia atópase totalmente libre desta praga pois, dende o ano 2015, estanse a colocar trampas para a súa detección e non se descubriu nin un só exemplar". No caso de que se atopara nalgures, sería declarada e sitiada a zona cun radio máximo de 500 metros.

pleno2

O problema principal –e o medo dos produtores– radica en que, como dixeron os técnicos, as zonas afectadas –en Galicia o norte da provincia de Lugo– non van poder colleitar patacas para o consumo humano nos próximos dous anos, polo que haberá que levarllas dende as zonas produtoras libres da couza. Isto podería provocar un posible contaxio nos transportes de volta.

Dende unha perspectiva política, afirmouse que "sen a axuda dos agricultores e do resto dos cidadáns vai ser moi difícil erradicar a praga".

Á espera do Real Decreto por parte do goberno para comezar as actuacións, nos próximos días os Corpos e Forzas de Seguridade terán autoridade para intervir nas zonas afectadas.