A limiá Marisol Díaz continuará como Delegada da Xunta en Ourense

A nova Delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.
A limiá Marisol Díaz continuará como Delegada da Xunta en Ourense

A falta da confirmación do nomeamento de Rodríguez Miranda como secretario xeral de Emigración, o edil popular de Xinzo, Carlos Gómez, converterase en deputado autonómico.

O Consello da Xunta de Galicia vén de nomear á veciña da comarca da Limia, Marisol Díaz Mouteira, como Delegada da Xunta en Ourense. Así se recolle no Decreto de Vicepresidencia remitido aos medios após a reunión do Consello, celebrada onte, na sede do goberno autonómico en San Caetano.

María Sol Díaz Mouteira, naceu en Kelkheim (Alemaña), no 1967. É licenciada en Dereito pola UNED e especializada en Dereito Civil Galego pola Universidade de Santiago de Compostela. Funcionaria do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, foi delegada provincial da Consellería de Xustiza en Ourense entre 2003 e 2005. Desde 2009 ocupou a Xefatura Territorial en Ourense da Consellería de Educación e posteriormente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, pasando despois a ocupar a Secretaría Territorial desa mesma delegación. Tras ser uns meses deputada no Parlamento galego, en outubro de 2015 foi nomeada delegada territorial da Xunta en Ourense.

Carlos Gomez

A ourensá repite no cargo logo de ter encabezado a lista provincial do PPdeG pola provincia de Ourense. Este nomeamento provocará a súa renuncia á acta de deputada autonómica. Esta decisión xunto coa probable continuidade do tamén deputado pola provincia Antonio Rodríguez Miranda como secretario xeral de Emigración, provocará o nomeamento como deputado autonómico do actual concelleiro de Turismo, Comercio, Promoción Económica e Facendo do concello de Xinzo de Limia, Carlos Gómez. O edil limián ocupara o número 11 da lista provincial dos populares nas eleccións do 25 de setembro. Cómpre lembrar a compatibilidade legal entre o as actas de deputado no Parlamento de Galicia e a de concelleiro municipal.